Nace a Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres

As palabras en recordo de Rosalía e Castelao, e a unión dos grupos parlamentarios marcan o acto

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fala durante a inauguración da Fundación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fala durante a inauguración da Fundación.

A Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, quedou constituída onte nun acto, na igrexa de San Domingos de Bonaval, que contou coa presenza de diferentes autoridades políticas e representantes da sociedade civil.

O acto comezou coa firma formal da acta na que participaron, baixo a testemuña do notario Manuel Remuñán López, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.

Este trámite permitiu pechar un proceso que comezou cando se empezou a desenvolver a lei aprobada por unanimidade no verán de 2023 para sacar do limbo xurídico ao Panteón xa que determina que sería xestionado por unha fundación.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta enxalzou que esta xornada pon de manifesto o “máis importante que ten un pobo, que son os seus símbolos”.

O Panteón ten que ser o símbolo de toda Galicia, coas súas diferentes ideoloxías, pero co obxectivo común de reivindicar a nosa entidade como pobo, fóra de calquera pensamento ideolóxico”, remarcou.

Xuntos teñen máis forza

Rueda asegurou que, con esta Fundación, demóstrase, “unha vez máis”, que xuntos teñen “máis forza” e son “mellores”, á vez que fixo referencia ao “longo proceso, non exento de discusións e desacordos”, pero que culminou cun “final feliz”.

Pola súa banda, Miguel Ángel Santalices comezou lembrando as palabras de Castelao: “Cambiamos vos anceios en realidades e as ideas en feitos”. “Facémolo cando se cumpren 75 anos do falecemento do ilustre intelectual galeguista en Buenos Aires e no ano que foi declarado Ano Castelao pola Xunta”, sinalou.

A continuación, mostrou a súa gratitude por dar cumplimeinto ao mandato previsto da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, para “preservar o carácter institucional” dun Panteón que é “símbolo de concordia”.

“Non pode acabar o que é eterno”, esgrimiu a rexedora compostelá, lembrando así as palabras de Rosalía. O espazo do Panteón convoca a mostrar “o orgullo de Galicia como nación, a felicidade de ser, de ter lingua e identidade”.

Rueda reivindica ás figuras dun galeguismo integrador

O responsable do Goberno galego referiuse a Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e subliñou que “nas figuras que aquí están honradas converxen os mellores sentimentos do noso pobo, sempre guiados por ese galequismo integrador” que, tal e como apuntou o presidente, “alenta e inspira, debería facelo, o labor cotián de todas as institucións que hoxe asinamos este documento”.

Tal e como lembrou Rueda, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é unha entidade pública adscrita ao Parlamento de Galicia. Xorde ao abeiro da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade en xullo de 2023, logo da proposta canalizada polo Consello da Cultura Galega para dotar de seguridade xurídica ao Panteón e da que foron partícipes diferentes entidades representativas da sociedade civil da Comunidade Autónoma. Rueda incidiu en que a nova fundación ten que ser “o instrumento idóneo para materializar a elevada responsabilidade que se nos encomenda”.

Contenido patrocinado

stats