“O modelo BNG” nos concellos centra a campaña nacionalista

Axencias
Publicado: 11 mar 2023 - 00:00
Olalla Rodil, onte en Santiago.
Olalla Rodil, onte en Santiago.

O BNG porá en valor o seu “modelo” nos concellos como idea central da campaña das municipais do próximo 28 de maio. Así, segundo avanzou onte Olalla Rodil en rolda de prensa, nesta campaña utilizarán dous lemas diferenciados nos lugares nos que son oposición e nos que forman parte do goberno.

Nos primeiros, a idea central será que eses concellos “merecen moito máis”. Neste sentido, poderanse ver carteis coas caras do cabeza de lista acompañados do nome do Concello e o lema “Merece moito máis!”. Como exemplo, Rodil sinalou municipios como Santiago de Compostela ou Betanzos.

No caso dos concellos nos que gobernan, a intención é trasladar “unha idea de continuidade do proxecto de goberno”, baixo o lema “Máis por vir!”. Estas opcións poderanse ver, tal e como destacou, en localidades como Pontevedra ou Ribadeo. Visualmente, o BNG continuará coa gama de cores que usou nos últimos tempos, que achegan “optimismo e frescura”, así como cun xogo visual cun corazón. A base do discurso terá tres ideas: que o modelo BNG é sinónimo de rigor e xestión; o coñecemento da realidade e do seu potencial; e pór ás persoas no centro das políticas.

Contenido patrocinado

stats