Luisa Villalta será a homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024

O vindeiro ano é o 20 aniversario do falecemento da poeta e ensaísta, considerada unha das grandes figuras da literatura galega da segunda metade dos anos 80 e primeiros dos 90

Axencias

Publicado: 29 jun 2023 - 16:18 Actualizado: 29 jun 2023 - 16:24

Luisa Villalta.
Luisa Villalta.

A Real Academia Galega (RAG) dedicará o Día das Letras Galegas 2024 a Luisa Villalta (A Coruña, 1957-2004). Así o decidiu o pleno da institución reunido este xoves en sesión ordinaria.

Segundo detallou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, en rolda de prensa, acordaron homenaxear a esta poeta e ensaísta o próximo 17 de maio, coincidindo con "o 20 aniversario do seu falecemento".

Villalta, creadora dunha obra "singular e sólida", converteuse nunha das grandes figuras da literatura galega da segunda metade dos anos 80 e primeiros dos 90. Segundo detalla a RAG, trátase dunha escritora que "fai pensar ao mundo contemporáneo" a través dunha obra marcada polo "pensamento apaixonado, a procura de rigor e a exploración artística".

A mestura de poesía e música, engade, é outro dos trazos "definitorios" desta autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.

"Unha muller dunha enorme empatía que construíu o discurso da literatura galega nos anos 90", resaltou Freixanes.

Pola súa banda, Ana Romaní, quen encabezou a proposta da candidatura de Villalta xunto coa académica Margarita Ledo, destacou a súa literatura "esixente, rigorosa e xenerosa". "Esta escritora vainos a permitir pensar no presente, algo que necesitamos con urxencia", puntualizou.

Na mesma liña, Ledo incidiu en que é unha autora "plena" que convoca pensamento "conflitivo e contraditorio, absolutamente en presente e necesario".

As obras más destacadas da traxectoria de Villalta

Desde a publicación da obra teatral 'Concerto para un home só' (1989) até o seu falecemento no ano 2004, a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 publicou máis de 15 volumes; desde outro catro obras teatrais e o ensaio sobre o 'Don Hamlet' de Cunqueiro (1992) até 'As chaves do tempo' (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico.

Luisa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na Coruña, segundo sinala a RAG, espazo "vital fundamental" que deixaría unha "profunda pegada" na súa obra. Titulada superior de violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Nova Orquestra de Galicia. No entanto, decidiu dedicarse ao ensino após licenciarse pola Universidade de Santiago de Compostela na Subsección de Galego-Portugués e en Hispánicas.

A poesía é o xénero que "maior proxección" lle achegou, engade a institución. O título do seu primeiro poemario 'Música reservada' (1991) visibiliza a mestura de dúas formas de expresión. Catro anos despois publica 'Ruído' e tamén en 1995, 'Rota ao interior do ollo'.

'En concreto' é o último poemario que deixou escrito en vida, recoñecido en xaneiro de 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior do que o xurado destacou o seu "carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario".

A súa obra 'Papagaio' (2006), publicada dous anos despois do seu falecemento, é unha colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira. A súa poesía complétase con 'As palabras ingrávidas' (2020).

Á marxe da poesía, Villalta cultivou "con asiduidade a literatura dramática", indica a Academia. Após 'Concerto para un home só' (1989) viron a luz 'O representante' (1990) e 'O paseo das esfinxes' (1991). Como escritora teatral publicou ademais 'As certezas de Ofelia' (1999) e 'Os doces anos da guerra' (2001).

A protagonista do Día das Letras Galegas 2024 é autora, ademais, dunha obra narrativa de carácter "exploratorio". Após ser distinguida en 1990 co Premio Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo polo relato 'A taberna do holandés', viu a luz 'Siléncio, ensaiamos' (1991), 11 historias nas que a música ten unha significación central.

Contenido patrocinado

stats