As Letras porán de relevo ao activista da lingua Del Riego

Román Rodríguez e os membros da RAG presentaron en Compostela o amplo programa de eventos

Agencias

Publicado: 25 feb 2023 - 00:20

Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas 2023, onte.
Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas 2023, onte.

Máis dun cento de actividades literarias, sociais, musicais e, mesmo, deportivas esparexidas por Galicia conmemorarán as Letras Galegas de 2023, dedicadas a Francisco Fernández del Riego, alias Don Paco, un “activista” pola lingua e a cultura propias. Así o definiu o presidente da Real Academia Galega nun acto celebrado onte na Cidade da Cultura de Santiago para presentar o calendario de iniciativas que homenaxearán ao polifacético autor na 60 edición dunha festividade que el mesmo impulsou.

Ao acto asistiu, ademais de Freixanes, unha ampla representación de institucións galegas, como o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Tamén estivo a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, municipio lucense onde naceu Fernández del Riego e que será “epicentro” das celebracións, empezando polo plenario da RAG que se celebrará o propio 17 de maio, Día das Letras.

O programa de actividades inclúe máis dun cento de propostas dos ámbitos literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar, nos que se implicarán todas as institucións representadas no acto de onte, ademais de empresas e as editoriais Ir Indo, Bolanda, Xerais e Galaxia.

O conselleiro de Cultura e o presidente da RAG coincidiron en sinalar o carácter “transversal” que adquiriu ao longo dos últimos 60 anos a celebración deste evento que xa alcanza, practicamente, os 365 días do ano.

Neste contexto, Román Rodríguez subliñou como as Letras Galegas “integran a todos” na sociedade, porque “transcenderon neste seis décadas até ser un proxecto vertebrador de país”.

O conselleiro de Cultura da Xunta debullou algunha das “virtudes” que tivo Don Paco que agora, con esta programación, vanse “a expandir e dar a coñecer” nos próximos meses.

En todo caso, Rodríguez recalcou que o “realmente significativo” é que “todos os galegos” demostran con esta efeméride que están “orgullosos das Letras” de Galicia.

Sobre Fernández del Riego, o conselleiro destacou que foi “un dos máis prolíficos e brillantes ensaístas do século XX e parte do XXI”, á vez que entendeu que a cultura “ten que ser tamén un motor económico”.

Rodríguez tamén aproveitou a súa intervención para diferenciar “dúas formas de facer cultura”: “Hai quen o fai un elemento para separar, para confrontar, excluínte; e hai outras persoas que traballan para que a cultura sirva para unir ás persoas, para cohesionar, para xerar complicidades, para integrar. Esta é a boa cultura e isto débese en parte a perosnajes como Fernández del Riego”.

Haberá reedicións de obras do autor como “Lourenzá” (Galaxia) e “A pegada das viaxes (Guías)” (Ir Indo), e de “Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego. 1949 - 1961”, de Álvaro Cunqueiro; e “Francisco Fernández del Riego, o legado silandeiro”, de Héctor Carajaville, entre outras.

Contenido patrocinado

stats