José Balseiros: “O mellor que poden facer agora os gandeiros é vacinar ao seu gando”

“Galicia ten 189 explotacións afectadas, preto de 320 animais enfermos e 19 mortes pola EHE”, sinala o director xeral de Gandaría da Xunta de Galicia

Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, analiza a situación da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), unha doenza que prexudica principalmente ao gando bovino e que afecta xa a comarcas de toda Galicia.

Cantos casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica hay activos agora mesmo en Galicia?

Segundo os últimos datos que temos (do xoves pola noite), en Galicia hai 189 explotacións afectadas, preto de 320 animais afectados e o número de mortes ascende a 19. Esta é unha enfermidade de declaración obrigatoria, tanto pola Unión Europea como polo Ministerio, e polo tanto hai que facerlle un seguimento, a diferenza da lingua azul que é unha enfermidade de erradicación. Ao ser unha enfermidade de seguimento, todos os días a última hora recóllense os datos do número de explotacións afectadas e da cantidade de animais enfermos e, se os hai, tamén falecidos.

De onde procede esta doenza?

Esta enfermidade vén de África. Pasou primeiro por Andalucía, Estremadura, Castela e León, Cantabria, Asturias e Portugal. Dende estes dous últimos lugares entrou a Galicia. O ano pasado detectáronse os primeiros casos en setembro e tivo maior afectación na provincia da Coruña que no resto. Neste 2024, levamos rexistrando casos dende hai aproximadamente un mes e a maior incidencia estámola tendo na provincia de Ourense. Segundo os datos recollidos o xoves, en Ourense hay 90 explotacións afectadas e 154 animais.

A que se debe esa concentración da enfermidade?

Hai dous factores que poden ser determinantes. Polas comarcas nas que se deron os primeiros casos, entendemos que a propagación vén de Portugal e ademais as altas temperaturas producen unhas correntes de aire que permiten aos mosquitos avanzar case sen esforzo moitos quilómetros. A outra circunstancia ten que ver coa alta porcentaxe de gandería en extensivo que hai, na que non é tan fácil tomar medidas de precaución como por exemplo a desinsectación dos animais ou das cortes e instalacións.

Como se produce o contaxio?

Como digo, trátase dun mosquito que pica a un animal afectado e logo ao picar a outros transmítelles a infección. En Galicia, entre o mes de novembro ata abril non voa e por tanto non soe haber casos. Cando empeza o bo tempo e as boas temperaturas, normalmente en maio, é cando comeza a época de voo do mosquito coincidindo con esas correntes de aire quentes que o axudan a avanzar moitos máis quilómetros sen esforzo.

Que poden facer os gandeiros afectados ante esta situación?

Agora, por sorte, dende o día sete deste mes, está a venda a vacina para este serotipo que custa arredor duns catro euros e parece ser que é moi efectiva.Ante, todo se baseaba en tratamentos preventivos que consisten en evitar que arredor das explotacións haxa acumulacións de estercos, charcas ou suciedade, porque son focos de atracción e de posta de ovos e cría dos mosquitos. Por outra parte, recoméndase tamén colocar mallas ou micromallas nas ventás e portais de accesos das explotacións e logo desinsectar tanto os vehículos de transporte como as propias naves ou granxas e aplicarlle repelentes aos propios animais. No momento no que se perciba unha sintomatoloxía (febre, anorexia, edema facial, inflamación da lingua…) deben dar conta ao veterinario clínico para que lle administre medicación necesaria, se se dá dende o principio dos síntomas pode dar efecto. Aínda que o mellor que poden facer agora os gandeiros é vacinar.

Hai algún tipo de axuda ou indemnización para os afectados?

Galicia, dende a Consellería de Medio Rural da Xunta, foi a primeira comunidade autónoma en implantar xa o ano pasado axudas por indemnización de mortes dos animais, compatibles co cobro do seguro. Outros lugares habilitaron axudas máis pequenas, como dar 30 euros por animal para o tratamento. Con todo, Galicia foi a primeira en dar axudas con carácter retroactivo e segue manténdoas este ano.

Como está sendo a actuación do Ministerio?

Dende o 2022 que a enfermidade entrou en Andalucía houbo reunións de seguimento. Hai arredor dun mes comunicáronnos que van pór 15 millóns de euros e as comunidades terían que por outros tantos. O problema desas axudas é que hai que aprobar un decreto que regule esas axudas e despois, loxicamente, distribuír os fondos que lle corresponden a cada comunidade autónoma. Facer un decreto leva o seu tempo e de momento non temos constancia de que se publicase. A primeira data que nos deron de conferencia sectorial para repartir os fondos era para finais de novembro ou principios de decembro. A maioría das comunidades protestamos porque iso non nos daría tempo para sacar a correspondente orde, dar o prazo de solicitudes, resolver e pagar. Por iso lle pedimos dúas cousas: que nos autoricen que eses cartos se poidan executar e pagar o ano seguinte ou ben que o ministerio poña eses 15 millóns en xaneiro de 2025 e que cubra con carácter retroactivo os dous ou tres anos anteriores.

Que lle estades a transmitir ás asociacións agrarias?

Nunha xornada de traballo cos sindicatos e asociacións agrarias, con absoluta colaboración e proxección a nivel nacional, acordamos transmitirlle ao ministerio que nese decreto que falta por publicar, ademais do que xa se recolle no borrador ao que tivemos acceso para tratamentos, desinsectación e as indemnizacións por morte que temos nós establecidas, que tamén se recolla pagar a vacina ou unha parte dela. Imos ver se o ministerio é receptivo e tamén inclúe iso. Pero o que necesitamos é que ese decreto se publique canto antes e se atribúan os cartos ás comunidades, para que nos dea tempo a sacar a orde de axudas e asignarllas aos gandeiros.

Contenido patrocinado

stats