Henrique Monteagudo será o próximo presidente da Real Academia Galega

O académico coruñés é o único candidato que se presentou para o pleno extraordinario de elección

Henrique Monteagudo, único candidato a ocupar la presidencia de la Real Academia Galega (RAG).
Henrique Monteagudo, único candidato a ocupar la presidencia de la Real Academia Galega (RAG).

A Real Academia Galega (RAG) celebra este venres o pleno extraordinario de elección da nova presidencia, coa candidatura do académico Henrique Monteagudo como única formalizada. O candidato comparecerá este venres en rolda de prensa ás 19.00 horas, no Salón Real do Pazo de María Pita, na Coruña. Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e ten un amplo currículo académico internacional, en universidades europeas e americanas.

Membro de número da RAG desde 2012, é o coordinador do Seminario de Sociolingüística da institución e exerceu como secretario entre 2013 e 2021, cando asumiu a vicesecretaría, posto que mantén ata agora. Doutor pola USC coa tese Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista (distinguida co premio extraordinario de doutoramento), a sociolingüística e os estudos sobre a normalización do galego ocuparon gran parte do seu labor desde principios dos anos 80.

Entre outros títulos, destacan Historia social da lingua galega (1999), recoñecido co Premio Losada Diéguez de Investigación, O idioma galego baixo o franquismo: da resistencia á normalización (2021) ou o seu discurso de ingreso na RAG, Facer país co idioma: sentido da normalización lingüística. Como sociolingüista dirixiu diversas contribucións sobre a evolución do galego desde as últimas décadas do século XX até a actualidade, parte delas no Seminario de Sociolingüística da RAG.

A súa achega máis recente neste campo é o Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023, aprobado no pleno da Academia en decembro de 2024.

Outro punto importante da súa carreira foi o estudo de Alfonso Castelao, con edicións da oratoria e dos textos sobre o ideario lingüístico do intelectual rianxeiro, así como a biografía divulgativa Castelao. A forxa dun mito (2021). É o director da Cátedra Castelao da USC, constituída en 2024.

No campo da literatura, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e Carlos Casares, entre outros, son algúns dos grandes nomes das letras galegas aos que analizou, xunto a figuras da lírica medieval como Paio Gómez Chariño, Afonso X O Sabio e o xograr Martín Codax, ao que lle dedicou varias obras. En 2009 recibiu o Premio da Crítica de Galicia, na modalidade de investigación, pola publicación sobre as orixes da escritura en galego na Idade Media con Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito.

Contenido patrocinado

stats