Elena Rivo: "Hai que captar talento fóra pola boa situación da nosa economía"

A conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta, Elena Rivo, repasou as iniciativas do seu departamento en materia de promoción do emprego

L. Vázquez/ S. Conde

Publicado: 22 oct 2023 - 05:45

Elena Rivo abordou diferentes temas relacionados coa súa Consellería no Café de Redacción de Atlántico.
Elena Rivo abordou diferentes temas relacionados coa súa Consellería no Café de Redacción de Atlántico.

A conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta, Elena Rivo, repasou as iniciativas do seu departamento en materia de promoción do emprego, así como as liñas mestras da súa carteira cos novos orzamentos da Xunta no Café de Redacción de Atlántico.

Cales son as liñas mestras que se marca o seu departamento para a promoción do emprego?

Pensamos nun traballo igualitario, de calidade, inclusivo… Moitas actuacións en materia de autónomos, cooperativismo, centros especiais de emprego, medidas específicas en igualdade, modernizando con IA as oficinas de emprego e programas de formación para recualificar e mellorar a inclusión en materia de emprego.

Pensa en medidas de discriminación positiva para as provincias de Lugo e Ourense?

Como ourensá, son unha embaixadora de Ourense. Sempre o defendín dende todos os postos que tiven anteriormente e si debemos de traballar, sobre todo no rural. Debemos fomentar o emprego a través dos polos de emprendemento, por iso imos implementar un novo polo en Baños de Molgas, que se suma aos de Verín, Carballiño e O Barco. E outro en Lugo na zona de Sarria.

O programa dos polos de emprendemento contemplaba un en Vigo. Hai data e localización?

O que está en funcionamento en Silleda, que foi visitado por un comisario europeo como un bo exemplo de uso dos fondos europeos, xa impulsou 150 proxectos. Están vinculados a todo tipo de actividades con maioría feminina. En breve inauguraremos o do Porriño e está anunciado un novo polo en Vilanova de Arousa. Do que se trata é de dinamizar primeiro o rural con emprendemento e fixación de poboación.

Coñecíamos hai poucos días que Ourense perdeu 36.000 traballadores de entre 20 e 40 anos nas últimas dúas décadas. Como se retén o talento a través do emprego?

Tratamos de captar talento exterior. Eu sempre digo que non é unha mala situación que os mozos ourensáns vaian ao exterior. Eu teño familia emigrada. Primeiro foi en Sudamérica, logo en Suíza ou Alemaña, logo foi Madrid ou Barcelona, e agora a economía galega está en tan boa situación que temos que captar talento. Neste sentido temos o Programa Retorna Cualifica, que consiste en axudar a retornar a aqueles que fixeron tanto por nós. Pagamos a súa volta, a formación e axudamos coa súa incorporación ao mercado laboral. Captamos a través dos polos de emprendemento e, dos 1.500 proxectos impulsados, o 10% son de retornados. En Ourense, os polos acompañaron desde a súa posta en marcha 147 proxectos empresariais correspondentes a 135 emprendedores de sectores diferentes como poden ser os servizos, a hostalería e o comercio.

Que importancia ten o rural na Consellería?

Para nós é moi importante. O Goberno galego é consciente de que a xeración de riqueza depende das empresas, dos autónomos, das pymes ou dos cooperativistas, non dos políticos. O que temos que facer nós é non poñer trabas e facilitar esa creación. Por iso, a través dos polos de emprendemento, tratamos de xerar no rural ese cooperativismo, eses autónomos. Apoiámolos con programas de conciliación e corresponsabilidade.

Hai sectores estratéxicos que non atopan traballadores. Que se propón dende a consellería?

Temos medidas de recualificación para xente sen emprego que traballaba noutros sectores. É unha formación para que se poidan incorporar a eses sectores demandantes de empregados. Tamén apostamos polo talento exterior e por incorporar o talento feminino a sectores masculinizados. Esta iniciativa ten tres eixes: romper estereotipos, a fenda salarial e incorporar á muller a sectores masculinizados que necesitan xente como poden ser o naval ou o sector mecánico. Para isto, imos incentivar a contratación de mulleres con 7.500 euros para a formación e contratación de mulleres neses sectores.

A igualdade tamén forma parte do seu departamento. Enténdea como un global?

É transversal, pero non só na miña Consellería, en toda a Xunta. Ademais, a igualdade ten tres patas: non só a de xénero, que é a máis visible, tamén a igualdade entre orientacións sexuais. Reactivamos o observatorio LGTBI, axudas a través dos CIM para o colectivo; e a inclusión tanto das altas capacidades como as persoas con discapacidades. Temos convenios con moitos colectivos porque pensamos que poden axudar moito.

Mantense o diálogo con esas entidades que son de carácter social e que moitas veces chegan onde non chega a administración.

Mantense un diálogo constante, axudamos con orientadores laborais, cunha formación especifica e con axudas para que poidan realmente traballar. Sempre digo que cando hai actitude a Xunta está aí para incorporalo e axudalo coa formación. Creo que o máis importante é ter actitude con c, porque a p podemos incorporala. Con ese talento podemos dar esa formación, pero claro, o que fai falla é a actitude, xusto o que teñen moitas persoas con discapacidade.

Hai parados que dín que non son capaces de atopar emprego no seu sector ou noutros. A Xunta está cambiando o modelo das oficinas de emprego, en que consiste esta remodelación?

Estamos modernizando. Imos inaugurar proxectos piloto na provincia de Pontevedra no que utilizamos a intelixencia artificial de tal maneira que se ti es desempregado e queres traballar, debes incorporar en que zona, que postos de traballo hai vacantes, que formación tes ti, e, coa intelixencia artificial, localízase que formación necesitarías para incorporarte nos postos na zona. Sería axustar tamén esa formación é demanda. Ademais, para fomentar esa conexión coas empresas que ofertan esas vacantes nas oficinas de emprego, imos crear unha vinculación coas páxinas de emprego privadas máis importantes.

É dicir, que sería como unha formación en tempo real daquilo que demanda o tecido produtivo, non?

Hai preto de 15.000 vacantes en Galicia e trátase de axustar a súa formación ao mercado laboral.

Vigo é unha potencia no ámbito das empresas tecnolóxicas, sobre todo en aeronáutica e aeroespacial. Vostede ven da universidade. En Ourense temos unha titulación propia. Hai boa comunicación entre a universidade e o mercado laboral?

A universidade dá uns coñecementos máis xerais e logo, desde as empresas podemos aportar unha formación máis específica. Dende a Consellería imos poñer en marcha as microcredenciais, que son formacións pequenas que facilita a Unión Europea dende o ano pasado entre 30 e 100 horas. Non se pode crear un grao universitario ou unha formación profesional para un momento puntual, deben ser xerais. Que pasa? Por exemplo: vén unha máquina nova e unha empresa necesita unha formación específica. Non se pode crear un grao específico, pero si unha microcredencial que é certificada. Estamos traballando dende a Xunta de Galicia para crear unha normativa específica, que vai ser pioneira non só en España senón tamén en Europa, para estes certificados. Sería como os créditos ECTS na universidade. Calquera traballador pode ir acumulando microformacións e pode acreditalas en calquera lugar de Europa. Penso que o futuro para axustar aínda máis esa formación que poden dar dende a universidade sería o maior acoplamento.

A Xunta fai de intermediario entre a universidade e o tecido empresarial?

Por suposto. Traballamos, por exemplo, o fomento do emprendemento. Nós podemos poñer medidas pero necesitamos tanto ás empresas como á universidade. Estamos falando de preto de 60.000 alumnos. Temos a campaña “Ti Elixes”, na que tratamos de fomentar ese emprego de mulleres en sectores masculinizados. Cando falamos da fenda salarial non é que as mulleres nos paguen menos que aos homes, pero se eliximos traballar no comercio ou nun salón de peiteado non cobraremos o mesmo que si somos piloto de avións ou soldadoras. Temos que ir da man da educación. Para que realmente todo funcione debemos saber que necesidade ten a empresa dende o punto de vista do emprego e da formación; e como podemos acoplalo dende as administracións, tanto centros formativos como a Xunta.

Ourense vive unha sangría de autónomos. Que se propón dende a súa Consellería?

Por un lado, pode ser unha perda porque deixan o emprego autónomo por un por conta allea, pero tamén polo peche de moitos negocios. Por iso, dende os polos de emprendemento traballamos coa nova estratexia de autónomos, focalizado na remuda xeracional e tratar de recuperar esos negocios. Porque algúns non pechan porque non teñan clientes, senón porque falta ese relevo xeracional. Sabendo isto, un novo emprendedor non tería porque empezar de cero, xa que podería recoller ese negocio que vai pechar.

E iso é especialmente importante no rural.

Claro, por iso o mapa dos polos de emprendemento vai por comarcas, porque cada unha ten a súa casuística. Os polos teñen dous técnicos que se teñen que fixar nas posibilidades de negocio que teñen na zona e tamén acoplarse aos emprendedores ou á xente que quere emprender. Tamén debemos ter en conta as novas tecnoloxías. Parece que no rural estamos máis illados, pero hai xente que decide crear un negocio de comida ecolóxica ou de roupa en liña. Xa pensará se crear unha tenda física. Iso antes non pasaba.

O emprego é unha das primeiras preocupacións da cidadanía. Especialmente nun sector de idade complícase moito, a partir dos 50 anos. Que solucións propón a Xunta?

Si, tratamos tamén de incentivar esa incorporación desas persoas de mediana idade a través da recualificación. Xa fixemos máis de 20.000 formacións este ano. O que facemos é dar esa formación específica para adaptalos a esas novas circunstancias e, neste caso, focalizado nos desempregados nese sector de idade máis complexo.

A Xunta traballa agora nunha lei de cooperativas.

Unha das primeiras cousas que fixen ao chegar á Consellería foi escoitar, escoitar e escoitar. Non debemos inventar, debemos escoitar e quitar trabas. A lei actual é do ano 98, e dende aquela mudaron moitas cousas. Hai que actualizala e axilizala. Non pode ser que se tarden tres meses en crear unha cooperativa. Queremos darlle máis poder aos consellos rectores para que sexan máis áxiles na toma de decisións. Estamos contentos porque imos da man do sector, coa colaboración tanto das pequenas como das medianas e grandes cooperativas que temos en Galicia. Somos líderes en economía social, o 3% do PIB galego, e somos un referente a nivel nacional. Estamos traballando con Agaca con Espazo Coop para ter, espero que en oito meses, unha nova lei de cooperativas que se sexa aprobada por unanimidade.

Que papel ten a colaboración entre institucións nestes proxectos?

É fundamental. Estiven recentemente en Baños de Molgas coa finalidade de presentar o programa Retorna da Xunta e achegáronse cinco alcaldes. Penso que hai que tratar de retornar ó rural, pero, para fixar poboación, a xente necesita emprego e tamén un lugar para vivir, algo co que tratamos de axudarlle.

Contenido patrocinado

stats