O comercio con Arxentina “está moi vivo”, constatan no ICEX

O conflito diplomático non parece afectar porque os vinculos empresariais continúan sendo fortes

Publicado: 02 jun 2024 - 11:55 Actualizado: 02 jun 2024 - 11:56

Dos portacontenedores operando en la terminal de Guixar, en Vigo.
Dos portacontenedores operando en la terminal de Guixar, en Vigo.

O Instituto de Comercio Exterior (ICEX) -dependente do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa- prevé que as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina “sigan sendo excelentes”, a pesar do conflito diplomático aberto entre España e o país suramericano o mes pasado, a raíz do cruce de declaracións entre membros do Goberno español co presidente Javier Milei e as posteriores afirmacións deste contra a o presidente Sánchez e a súa esposa. O conflicto diplomático segue vivo, mais tamén o comercio entre Galicia e Arxentina continúa puxante.

Segundo explica a dirección territorial en Galicia desta entidade pública empresarial de exportacións e investimentos, “as relacións comerciais entre países irmáns tradicionalmente dependeron pouco das relacións políticas”, polo que “os protagonistas do comercio, as empresas, viñeron sempre tomando as súas decisións atendendo a criterios de eficiencia económica”.

Relacións excelentes

“Cabe esperar que isto siga ocorrendo co noso comercio con Arxentina, onde os vínculos das nosas empresas son e foron sempre excelentes”, sostén o Instituto de Comercio Exterior respecto da relación de Galicia co país austral. Nun acto de Vox o pasado 19 de maio en Madrid, o presidente de Arxentina, Javier Milei, tachou de “corrupta” a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Por mor disto abriuse unha crise diplomática que incluíu a retirada de España da súa embaixadora na república americana, María Jesús Alonso. Apenas unhas semanas antes, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivera de visita oficial naquel país.

Ante esta situación, o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás empresas españolas e asegurou que poden contar co Goberno “para axudarlles e asistirlles” nas súas relacións comerciais e financeiras en Arxentina.

Esta mesma semana, a ministra de Relacións Exteriores arxentina, Diana Mondino, manifestou que espera que o contencioso diplomático aberto con España non afecte á relación bilateral entre os dous países, aínda que reprochou a “exorbitante” reacción do Goberno español. “Isto é un tema que non vai afectar a relación entre os dous países”, asegurou.

O feito é España é o segundo investidor en Arxentina, cun stock de investimento de ao redor de 18.000 millóns de euros.

No caso da comunidade galega, Arxentina foi en 2023 o undécimo país subministrador de Galicia (2,3% das importacións totais galegas) e o 29º destino das exportacións galegas (0,4% das exportacións totais de Galicia).

Exportacións e importacións

Segundo datos do ICEX, as exportacións de Galicia ao país austral en 2023 foron un total de 129,8 millóns de euros, unha cifra que se incrementou un 60,8% en comparación con 2022. No primeiro trimestre de 2024, o valor destas vendas ao exterior supuxeron 34 millóns. Respecto das importacións de Galicia desde Arxentina, rexistran 483,3 millóns en 2023, un 15% menos que un ano antes. Os tres primeiros meses de 2024 anótanse 145,3 millóns.

Os datos de empresas galegas que exportan ou importan desde Arxentina redúcense nos últimos anos: 209 en 2021, 185 en 2022 e 170 en 2022. Son 62 entre xaneiro e marzo de 2024.

En cambio, as compañías importadoras van á alza das 154 en 2022 ás 189 en 2023. Son 89 entre xaneiro e marzo deste ano.

No entanto, as empresas con relacións comerciais de forma regular (aquelas que exportan ou importan durante catro anos consecutivos) mantéñense en cifras bastante estables: 70 en 2021, 71 en 2022 e 66 en 2023. Son 36 deste tipo no primeiro trimestre de 2024.

Coches e pesca

Por sectores, o de maior importancia en vendas a Arxentina das empresas galegas é o de compoñentes de automóbil, con 44 millóns en 2023 (van 9,4 millóns en primeiro trimestre deste ano). Séguenlle en 2023: outros produtos químicos (14,6), buques (12), maquinaria para uso xeral da industria (9,8 millóns), maquinara para uso de certas industrias (9,2) e aparellos eléctricos (9,2). A pesca ocupa o undécimo posto (2).

E os sectores que máis venden desde Arxentina a Galicia segundo as cifras do ano 2023: pesca (309,6 millóns) -xa supera os 100 millóns no primeiro trimestre-, pensos animais (119,3 millóns), metais non ferrosos (30), graxas e aceites (16,3) e froitas e legumes (7,3 millóns).

Contenido patrocinado

stats