Alfonso Villares: “Baixar o IVE do peixe doblaría o consumo e xeraría máis emprego”

“A frota galega é a que pesca con máis sostibilidade de todo o mundo”, defende o Conselleiro do Mar

M.Borrazás/L.Vázquez/S.Conde

Publicado: 10 dic 2023 - 03:30

Alfonso Villares abordou diferentes temas relacionados coa súa consellería no Café de Redacción de Atlántico.
Alfonso Villares abordou diferentes temas relacionados coa súa consellería no Café de Redacción de Atlántico.

Alfonso Villares abordou nunha entrevista a Atántico cuestións de actualidade que atinxen á súa consellería e á situación de Galicia respecto das políticas europeas de pesca.

Como foi o paso da política municipal á autonómica, sobre todo ao ter que xestionar un sector tan importante para a economía galega?

Foi un paso sorpresivo. Era concelleiro en Cervo dende o 95 e son das persoas que avogan pola política como representación do pobo. Os veciños teñen que ter voz e para iso ten que haber veciños que os representen. Por iso me metín en política. En todo este tempo vivín a política dende un punto de vista moi intenso. Estar tan preto da miña xente é moi gratificante. Desfruto moitísimo, como o facía da miña profesión, que apartei no ano 2007 cando me convertín en alcalde. Tanto na miña profesión como na política sempre desfrutei do contacto coa xente. Despois das municipais, o presidente da Xunta faloulle ao alcalde de Cervo para que asumira este cargo, e o alcalde de Cervo non pode dicirlle que non ao presidente da Xunta. Dende ese momento asumo esta representación. Son unha persoa do mar, que é algo moi identificativo de Galicia, non só polo peso económico, que é moi grande; tamén por ser un sector que está metido en moitas ramas económicas. Ademais, tamén axuda a fixar poboación. Temos preto de 1.700 quilómetros de costa: moitas aldeas, moitos veciños, moita xente, cada un coa nosa fala pero todos con ese vínculo co mar. Galicia é unha potencia mariñeira, e ademais identifícanos culturalmente. Por iso asumo esta responsabilidade coa mesma dedicación coa que collín todas as anteriores: estando preto da xente e dos seus problemas, sendo un máis deles. Quero que a xente vexa que hai un mariñeiro máis na Xunta, un representante que vai tratar de facer todo o posible para mellorar as súas vidas.

A consellería do Mar ten moitos retos ten moitos retos. Un dos máis importantes é abordar a caída da produción de marisco. Hai preocupación, agora que se achega o Nadal, dun posible desabastecemento?

Cando avaliamos a situación deste ano, hai que ter en conta o que pasou nos anteriores. Nestes últimos 20 anos houbo sempre picos altos e baixos, e este ano estamos nun deses baixos. Temos que traballar coa premisa de que eses baixos sexan cada vez menos graves. Temos identificado o sector do mar como esencial para Galicia, tal e como se contempla na Lei do Litoral, e hai que deixar claro que ten moito presente e moito futuro. É certo que no sector marisqueiro estamos nun deses baixos. Estamos analizando o recollido en todo o noso litoral e vemos que as abundantes choivas e as altas temperaturas afectaron negativamente á produción de moitos moluscos. Temos que traballar para que, cando se volva dar esta situación, ter unha solución distinta. Esta pasa pola investigación. Temos dos centros de investigación máis importantes de Europa, e, con todo ese capital humano, temos que buscar variedades de moluscos que sexan máis resistentes a estas novas condicións, que semella que cada vez serán máis habituais. É moi importante lembrar que aínda que esteamos nun momento baixo, os anos próximos serán mellores; e serano da man da ciencia, con esa investigación. Tamén teremos que traballar máis as nosas praias, arándoas para que o substrato sexa o ideal. O mar ten moito futuro, porque son moitas as familias que viven del e ten que seguir sendo así. Temos que loitar, da man do sector, para superar anos malos coma este.

A Xunta propón unha reforma da política pesqueira común. Que puntos hai que mudar si ou si? Con que apoios contan?

Temos que tratar de convencer a Europa de que o peixe é fundamental para as nosas dietas. Tamén o é que o peixe que se consume en Europa sexa pescado aquí, ou por pescadores europeos. A rexión galega aporta o 50% da produción europea. O 30% do peixe que se consume en Europa procede de explotacións pesqueiras europeas; e o resto vén de fóra. Ademais, temos que traballar tendo en conta a sostibilidade. Nese tema estannos a poñer deberes e os galegos somos moi respectuosos coas normas e co medio. A nosa xente do mar é a que traballa de forma máis respectuosa en todo o mundo. Somos a frota que máis respecta os océanos en todo o planeta. Por iso, todas as normas que nos poñemos en Europa no que respecta á sostibilidade, que as apoiamos, están para cumprilas; e non podemos facernos trampa a nós mesmos. Digo isto porque ese 70% do peixe que vén de fora é capturado dunha forma menos sostible ca o que nós collemos. Dende Galicia cremos que temos que aumentar a nosa capacidade de pesca para que a nosa xente do mar poida vivir mellor. Para isto, é fundamental, neste mundo globalizado, ter alianzas. Estamos traballando nese sentido: hai pouco estivemos na Bretaña francesa, esta semana estaremos en Bruxelas… Todas as rexións europeas que vivimos da pesca temos que dicirlle á poboación dúas cousas. A primeira é que o pescado é saudable e fundamental nas nosas dietas; ten proteínas que non se poden substituír con outras. Ademais, en termos de sostibilidade, é un alimento que xera moi pouco impacto de carbono e pegada hídrica. E a segunda: hai que convencer á xente do seguinte de que nunha circunstancia coma a do covid, sumado a un peche de fronteiras, Europa non tería o suficiente peixe para abastecer á súa poboación. A soberanía alimentaria é fundamental e a Comisión Europea debe ter en conta estes factores.

Galicia ten unha importante frota de arrastre. É compatible coa protección dos fondos mariños?

É máis ca sostible. Insisto, somos a frota que máis respecta o medio de todo o mundo. Só hai que comparala con outras. Os medios de pesca que empregan non danan os fondos para nada. Estamos analizando continuamente esta situación e a Comisión Europea nunca presentou un informe que dixera o contrario. Os nosos mariñeiros pescan con sistemas moi pouco ofensivos ao medio coma o palangre. É certo que hai que protexer o medio, sobre todo para as xeracións futuras, pero as decisións que se toman hai que velas de xeito global. De pouco vale restrinxir ás explotacións sostibles -coma o caso da galega- se tapamos os ollos e permitimos que outras fagan todo o mal que nós non nos permitimos facer. As decisións hai que tomalas con datos científicos, non cun criterio xenérico por parte do Comisario de Pesca da UE. Esperamos que este comisario cambie o seu discurso dos últimos anos, xa que pensamos que é un discurso tramposo e que só limita cotas de pesca á nosa xente. Hai que tomar decisións con datos certos e ver o que están a facer no resto das zonas ás que lle mercamos peixe.

O Goberno español recorreu a Lei do Litoral. Cal é a folla de ruta que ten agora a Xunta?

Non dar un paso atrás. Esta lei está feita polo sector, da man de profesores e catedráticos das universidades galegas. Foi aprobada no Parlamento galego co voto a favor do PP e coa abstención dos outros dous grupos. A lei é por e para o sector. Nela decrétanse esenciais os sectores marítimo, pesqueiro, miticultura e acuicultura. Esta lei está traballada dende finais do ano pasado, foi aprobada no Parlamento sen obxeccións de ningún tipo… Entón, non se entende que o Goberno do Estado, en funcións e a tres días de rematar o prazo, diga que é inconstitucional. Unha lei que leva un ano circulando por toda Galicia, cun articulado perfecto que di o que Galicia quere do seu litoral e que ten en conta todos os aspectos de respecto á nosa forma de vida e de sostibilidade. Por isto, non imos dar un paso atrás. E tampouco imos dar un paso atrás cando se nos acusa de inconstitucionais nun momento no que en España se está falando da Lei de Amnistía; unha lei que os que a aprobaron dicían hai nada que era inconstitucional e agora todo o contrario. Que a nosa lei, que foi feita con luces e taquígrafos, sexa tachada de inconstitucional, é unha falta de respecto absoluta aos galegos. Máis aínda cando, ademais desta cuestión da Amnistía, soubemos que o Goberno vaille dar sen reparos ao País Vasco o que nos nega a nós, e sen ter a lei desenvolvida. Galicia non acepta iso e non acepta que se lle tome o pelo. Todo o sector está defendendo a súa lei, e nós estaremos ao seu carón.

Insisten na necesidade da rebaixa do Imposto do Valor Engadido (IVE) aos produtos do mar. É a solución para que repunte o seu consumo?

Estamos a intentar, xunto co sector, fomentar o peixe. Hai un descenso de consumo evidente. Por unha banda é imprescindible a promoción, e estámolo facendo coas nosas furgonetas e “food-trucks” por todo o territorio galego. O peixe non é caro; pero se o Goberno do Estado, cando establece unha cesta da compra básica e case o único produto esencial que non se inclúe é o peixe, fai que cando un consumidor, cando vai comprar, por ese mero feito, deixe de coller pescado. É unha desvantaxe competitiva absoluta respecto a outros produtos. Ademais, seguiremos insistindo na promoción. Os nutricionistas afirman que é saudable; temos que fomentar a dieta atlántica, que é a que dá unha mellor calidade de vida. Por outra banda, tamén é bo para o sector que se consuma peixe, pois move a roda económica e evita que as familias sufran. Temos datos dun estudio nacional de agosto, outro europeo de hai unhas semanas, os das nosas universidades… e todos eles din que baixar o IVE sería positivo para aumentar o consumo de peixe. Din incluso que se dobraría. Aqueles países onde se está a aplicar esta rebaixa están logrando ese obxectivo. As nosas universidades foron un paso máis alá: din os seus estudios que rebaixar o IVE incrementaría o número de traballos na cadea mar-industria. A posición do Goberno non se entende, sobre todo cando o sector é un clamor. Que non se tome esa medida, que só é querer tomala, é algo que non se entende e que é un agravio moi importante á nosa xente. Ademais, non se nos dá ningún tipo de explicación. O ministro, cando veu a Conxemar, dixo que non era necesario; é dicir, dixo todo o contrario do que din todos estes traballos independentes.

O sector pesqueiro ten, coma tantos outros, o problema da falta de relevo xeracional. Como se vai fomentar?

Ese é un problema moi importante, que ocorre en todos os sectores. É unha cuestión case de Estado. A cadea do mar está nesa situación, incluso nunha máis grave ca outros sectores. Estamos a fomentar a formación. É importante lembrar que o 5% do orzamento da Consellería do Mar está adicado á formación. Sempre hai xente que quere ir ao mar, e nós imos darlle todas as facilidades para que iso sexa posible. Tamén tratamos, por outra banda, de dar bolsas a aqueles que queiran incorporarse a traballar no mar. Temos que facer todo o posible para que as persoas que queiran adicarse a isto poidan facelo facilmente. Non é sinxelo atopar xente, pero pensamos que a través da formación, podemos facer o sector máis atractivo.

Contenido patrocinado

stats