O 80% dos bolseiros BEME elixen consolidar o seu talento en Galicia

Bolsas de excelencia

Bolseiros de Brasil, Arxentina ou Cuba lideran o retorno cualificado cara a sectores estratéxicos para a economía galega

Un momento do encontro cos beneficiarios das bolsas BEME.
Un momento do encontro cos beneficiarios das bolsas BEME.

As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) non son só unha axuda académica, senón a porta de entrada á posibilidade dun futuro laboral e vital en Galicia para centos de licenciados galegos do exterior. Así o confirmou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, durante un encontro mantido en Ourense cun grupo de beneficiarios desta convocatoria, no que lembrou a recente publicación no DOG da décima edición deste programa. Con esta nova convocatoria, a Xunta acadará a cifra histórica de 2.000 mozos retornados desde a posta en marcha desta iniciativa.

De feito, para o vindeiro curso 2026-2027, o Goberno galego destina 2,55 millóns de euros cos que conceder 250 novas bolsas. Estas axudas, que oscilan entre 8.000 e 12.500 euros, están deseñadas para cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención de mozos galegos residentes no estranxeiro que queiran cursar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas da comunidade. “Falamos dun programa plenamente consolidado”, suliñou Miranda durante o encontro celebrado en Ourense, “que funciona e ofrece oportunidades reais para que a xente nova formada no exterior poida desenvolver o seu proxecto de vida en Galicia”.

Bolsas con historia

Detrás desas cifras están as historias dos mozos e mozas con orixes galegas que chegan á comunidade para consolidar a súa formación académica ó tempo que conectan coas súas raíces familiares. A efectividade destas bolsas reflíctese en historias como a de Víctor Delgado, un enxeñeiro civil chegado de Río de Janeiro que coñeceu este programa “por Instagram”. Despois de mudarse a Galicia coa súa nai, cualifica o Máster Universitario en Desafíos das Cidades da Universidade de Vigo no Campus de Ourense como “espectacular”. Para el, a contía da bolsa é fundamental, ó tratarse dunha axuda que nos permite cubrir todos os gastos, desde a alimentación ao transporte.

O sentimento é similar para ó de Yanina, que deixou atrás a súa carreira como avogada en Arxentina para especializarse en Economía Circular na Universidade de Vigo. “Decidín ampliar os meus coñecementos e o acompañamento da Xunta foi constante, algo clave nun cambio de vida tan importante”, explica. Janina, que ten raíces en Friol (Lugo), destaca a calidade docente e xa proxecta o seu futuro aquí, coa idea de “se podo armar unha vida en Galicia”. No seu caso é a primeira vez en Galicia, a onde sempre “quixen vir coñecer á miña familia”.

Pola súa banda, o arquitecto cubano Emilio Martínez chegou a Ourense grazas ao aviso da súa avoa da man dos colectivos de galegos de Cuba. Actualmente reside en Allariz co seu tío, “que xa leva 20 anos aquí”, e cursa un mestrado sobre Urbanismo con vocación internacional. “Fixen o proceso, colléronme e aquí estou. Encantaríame quedarme aquí e exercer o que estudei”, que é Arquitectura, confesa Emilio, poñendo voz ao obxectivo final do programa: que o talento retornado bote raíces permanentes.

Coa oferta de máis de 95 mestrados, as bolsas BEME seguen a ser a ferramenta estratéxica da Xunta para atraer capital humano e facer fronte ao reto demográfico, transformando o mapa académico e profesional galego.

Nova convocatoria aberta ata o 30 de abril

A idade media das persoas bolseiras nas edicións anteriores sitúase arredor dos 29 anos, o que reflicte que se trata maioritariamente de perfís con formación previa e experiencia profesional. “Moitos deles xa están a traballar ou a desenvolver iniciativas emprendedoras, polo que para Galicia é unha enorme riqueza poder incorporar este talento altamente cualificado ao noso tecido social e económico”, indicou Miranda.

No encontro celebrado en Ourense, os estudantes compartiron as súas experiencias académicas e persoais, coincidindo en destacar o papel clave das BEME para facilitar o seu retorno e a súa integración en Galicia. Todos eles proceden de países como Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai ou Cuba e cursan mestrados vinculados a ámbitos estratéxicos como a nutrición, a economía circular, a xestión deportiva, o turismo ou os desafíos das cidades.

Ademais, o secretario xeral da Emigración aproveitou para lembrar que o prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria das BEME xa está aberto e rematará o 30 de abril. “Galicia volve abrirse un ano máis á súa mocidade no exterior para ofrecerlle formación, oportunidades e futuro. As BEME son unha porta de entrada real para volver”, afirmou.

Este programa, integrado na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, permitiu mobilizar xa máis de 15 millóns de euros de investimento público e consolidouse como unha ferramenta clave para a captación de talento internacional de orixe galega. Arredor dun 80% das persoas beneficiarias permanecen en Galicia ao rematar os seus estudos, incorporándose ao mercado laboral por conta allea ou emprendendo.

Contenido patrocinado

stats