Máis de 1.300 estudantes viven a Noite galega das persoas investigadoras
Alumnado de primaria, secundaria, FP e bacharelato de Pontevedra e Ourense participa nos preeventos da G-Night
De xeito presencial ou virtual. En sesións de mañá ou de tarde. En grupos de pouco máis dunha decena ou que superan os 60 participantes. Desde o 2 de xuño máis de 1300 estudantes de 17 centros de primaria, secundaria, FP e bacharelato das provincias de Pontevedra e de Ourense están a participar nas preto de 60 actividades programadas para darlles a coñecer a Noite galega das persoas investigadoras (www.gnigth.gal), que terá lugar, coordinada pola Universidade de Vigo e coa colaboración dunha decena de institucións galegas, o vindeiro 24 de setembro. Dezaoito investigadoras e investigadores responsables e outros cinco colaboradores, dos tres campus da UVigo, son as persoas encargadas de desenvolver as actividades que achegan o alumnado ao mundo da ciencia dun xeito lúdico e sinxelo, ao tempo que descobre a celebración da G-Night. «Estes preeventos permítennos chegar a un público obxectivo claro, que é o alumnado dos centros, porque se trata de espertar vocacións científicas e, máis aló de todo o que se mova ese día, a UVigo e todas as institucións implicadas queremos chegar a ese público para que participe e coñeza que se vai celebrar en setembro a Noite das persoas investigadoras», explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.
As actividades previas á G-Night arrancaron nas cidades de Ourense e de Vigo, pero Mos, Baiona, Tomiño, Ponte Caldelas, Nigrán, Caldas de Reis, Redondela e Viana do Bolo completan o mapa de concellos no que se localizan os centros onde se están a desenvolver as actividades que abranguen temáticas relacionadas cos cinco ámbitos do coñecemento, desde o 5G ata a historia evolutiva do cancro, pasando polas matemáticas aplicadas á covid, as nanopartículas plasmónicas e a visión infravermella.
ESPERTANDO VOCACIÓNS
No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixe do evento, que se desenvolverá baixo o lema "Conciencias creativas". A G-Night encherá o 24 de setembro as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como son as rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo, e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as científicas e os científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade. «Con este anticipo nos centros escolares, o alumnado pode coñecer o tipo de actividades que se van desenvolver nas rúas, nas prazas etc., ese día. O maior valor é conectar cun público no que se pretende espertar vocación científica e que tamén participe de xeito activo, primeiro nestes preeventos, e logo, o día da celebración da G-Night», sinala Mónica Valderrama, que lles agradece ás investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo a súa participación nos eventos que este mes se están a desenvolver nos centros de ensino.
Tras ser financiado con preto de 154 000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e do Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras que, ademais de nas cidades galegas, se celebrará de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar