A AECC financia un estudo da UVigo sobre células tumorais
A Asociación Española contra o Cancro (AECC), a entidade social e privada que máis fondos destina para a investigación en cancro seleccionou un proxecto impulsado polo investigador do Laboratorio de Filoxenómica da UVigo e do Centro de Investigacións Biomédicas João Miguel Fernandes Alves.
O proxecto recibirá unha achega de 200.000 euros para estudar durante os próximos dous anos as características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal. Trátase dun proxecto de medicina personalizada tratando de revelar as características do cancro de cada paciente co fin de guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas.
Fronte ás biopsias tradicionais, que proporcionan información limitada sobre o panorama mutacional de cada tumor, a idea dos investigadores vigueses é colleitar subconxuntos de células circulantes tumorais (CTCs) que se atopan no sangue a través de biopsias líquidas. Deste xeito óptase por empregar extraccións de sangue "non invasivas" de pacientes oncolóxicos, para avaliar unha posible correlación entre a diversidade xenómica destas células e a progresión tumoral e a supervivencia nos pacientes.
No proxecto participa tamén o catedrático David Posada, como supervisor, e colaboran na recollida das mostras de pacientes o CHUO e Hospital Álvaro Cunqueiro, en concreto os doutores Joaquín Cubiella e Mercedes Salgado, no caso do hospital ourensán, e Paula González Villarroel, en Vigo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último