Alfonso Villares: “Temos que buscar máis rendibilidade ao produto que se extrae do mar”
Mar | Entrevista
"Os fondos europeos deberán servir para encarar novos retos", dixo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, repasa nesta entrevista os principais proxectos do seu departamento, que se inclúen nos Orzamentos do Goberno galego para 2025, e as necesidades do sector pesqueiro, tan importante para a economía de Vigo e a súa área.
Nos Orzamentos de 2025 está prevista a maior cantidade dende 2010 para a súa consellería. Que supón este feito?
Os presupostos que ten a Consellería do Mar son importantes. Os anos pasan e estes van incrementándose. Somos unha autonomía onde o mar é importante para a política que se fai dende a Xunta de Galicia. O que supón é que imos seguir traballando coma sempre, nun sector prioritario, que é referente, que dá nome a Galicia, onde hai moitas frontes nas que actuar e onde queremos satisfacer os retos que temos por diante.
Dende que España entrou una UE reduciuse un 60% a frota. Pensa que tocamos fondo?
O que é importante para calquera empresa é que seña rentable, que poida manter a súa supervivencia en base a unha economía que ten que ser positiva, ten que dar para os gastos e salarios dos traballadores. Houbo unha redución de frota e velarase polo rendemento da mesma. É certo que as políticas que están imperando inclúen moitos vetos á pesca. Por tanto, temos que buscar máis rendibilidade ao produto que se extrae do mar, ao produto que se transforma. Ese é o traballo que temos que facer. O importante é que as persoas que queiran vivir do mundo do mar poidan vivir dun xeito cómodo e darlle sustento aos traballadores. Por outro lado, é importante que Galicia siga mantendo o seu compromiso co mundo do mar. Temos moitas poboacións litorais, moitos veciños que viven en todo o noso litoral de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Para que a actividade humana siga nos nosos pobos é fundamental que haxa actividade económica.
Moitas desas políticas que afectan á vida desas persoas veñen marcadas pola UE. Dende a Consellería do Mar din que nesta lexislatura vai ter un papel importante o Fondo Europeo Marítimo.
Dende que entramos en Europa estamos supeditados á política común. Quen negocia dentro da Comisión Europea son os estados e, para autonomías como a nosa, a pesca é fundamental e estamos continuamente decíndolle ao Estado español o importante que é para Galicia o feito de que a economía do mar teña forza para Galicia. Temos uns fondos europeos, que antes eran Fempa, que se van redirixindo ao obxectivo e nós o que temos que facer é aplicar dun xeito correcto todo ese diñeiro que vén de Europa, aplicalo dun xeito que serva para as seguintes xeracións. Non se trata de gastar por gastar. Creo que estamos dirixindo os fondos para que a xente que vive do mar teña en conta os novos mundos, os novos retos, como é o novo consumidor.
Dentro duns días vaise levar á CE as novas cotas. Que expectativas teñen?
Sempre apelamos a que hai que ter en conta as persoas, os aspectos socioeconómicos e o ambiental tamén; son os tres piares. No pasado non foi referente o aspecto socioeconómico, non se tivo en conta ás persoas que viven do mar. Creo que, agora mesmo, nesa política pesqueira controlada hai un reto que é que poidamos dar a ver que as nosas poboacións poidan seguir subsistindo. A economía ten que darlle a esa xente que vive do mar. Con isto non queremos dicir que non se teñan en conta os aspectos ambientais, nin moito menos. Hai unha cousa que non me canso de repetir: a frota galega traballa de xeito máis sustentable e correcto de todas as frotas que hai nos océanos, o levamos facendo dende sempre e así o faremos no futuro. Cando ás veces cansamos con moitos vetos á frota, non quere dicir que o medioambiente do mundo mellore. Igual, o que estamos promovendo é que outras frotas de terceros países, que non son tan sostibles, campen polos mares con moita máis liberdade, e ao final, os europeos e os galegos comamos produtos capturados por eses países e non polo capturado por nós. Por iso, este mandato vai ser importante, porque temos que pór o foco nas persoas e nos territorios europeos que viven do mar, sobre todo para ter garantías de subministración de peixe para as nosas familias en Europa. Creo que se non mantemos a soberanía alimentaria do noso territorio cometeríamos un grande erro.
A súa consellería lanzou a campaña “Galicia sabe a mar”, que aposta pola promoción no mercado internacional. Que resposta se está a ter?
A nosa resposta está chegando até onde pode chegar a voz de Galicia. Estamos demandando que o Estado tamén teña esa voz e faga campañas de promoción do peixe, que non as estamos vendo como nos gustaría. Non ten nada que ver un altofalante que fala para máis de 40 millóns de persoas que o noso altofalante, que fala para tres millóns. Xogámonos moito neso. Xogámonos nesta promoción non só a economía da nosa autonomía, de moitas familias; tamén a saúde das persoas. O feito de que a xente deixe de comer peixe leva consigo que estean consumindo cada vez menos unha proteína de altísima calidade. Ademais, se queremos afastarnos do aspecto saudable, hai que dicir que é unha proteína con baixa pegada de carbono e hídrica. Unha proteína sustentable. Sería un erro deixar de consumir o noso peixe. Se é o do noso litoral mellor, aínda que hai moitos transformados que tamén se poden consumir. Un dos retos é chegar ao novo consumidor, os máis novos, o das cidades, cuxa vida é máis rápida e onde mudaron os hábitos. O sector tamén está poñendo no mercado produtos con valor engadido que afaga. Estou a ver que moitos dos nosos empresarios e autónomos están a pór produtos de valor engadido de exquisita calidade, que enchen de orgullo a un galego coma min.
No estado das rías, están os polígonos marisqueiros á máxima produtividade ou aínda poden medrar?
Por un lado, temos as mellores augas de todo o planeta. Sobre a capacidade, si é máxima. Estamos a facer estudos coas universidades. Estamos apoiándonos moito cos científicos, coa xente de Ciencias do Mar. Son os centros que temos que ter de referencia ante as dificultades. Eses estudos permitirannos redimensionar a capacidade produtiva das rías.
Fala da relación cos centros de investigación. Sen eles tamén sería complicado que as empresas poidesen lanzar eses novos produtos. Súmase a calidade coa innovación?
Sen dúbida. As decisións que tomamos na consellería tomámolas en base ao coñecemento. En base a que nos diga a xente cales son os camiños que temos que explorar. Tamén co sector. Estamos pondo en contacto unha cousa con outra. Sentímonos moi afortunados porque contamos cun gran nivel de científicos dentro da propia consellería. Tamén nos apoiamos nos centros privados e nas universidades, por exemplo, no estudo que estamos a facer da capacidade das nosas rías. Tamén á hora de levar adiante novas presentación e deseños de produtos, ese valor engadido; aí está a xente da ciencia para que haxa unha empresa, unha persoa que emprenda para levar adiante ese traballo. O que fai a ciencia é fundamental e estanos a guiar nas nosas decisóns.
"O plan do marisqueo é un plan consensuado e vivo"
O sector marisqueiro galego vive un momento de incertidume polas variacións da salinidade da auga das rías, o que está a repercutir na produción. O conselleiro Alfonso Villares confía no traballo que se está a desenvolver conxuntamente coas confrarías e a comunidade científica, e que impulsa a súa consellería, para estar preparados ante os novos escenarios que se poidan presentar.
Nas rías houbo un problema co exceso de auga doce que provocou a morte de moluscos. Ten solución?
É certo que houbo problemas no marisqueo e, se ves vinte anos para atrás, vense ciclos con máis ou menos produción. Hai subas e baixadas que se ven nas prospeccións. Apoiándonos na ciencia, o camiño que decidimos tomar é que temos que estar preparados para esas baixadas. Se vai ser unha cuestión cíclica, temos que facer o traballo para que as baixadas sexan o máis tenues posible. Así que se sabemos que se hai unha época de moitas chuvias a salinidade das augas da rías vai baixar, e cando dura moitos días produce mortandade dos bivalvos, o que temos que facer é traballar con estirpes máis resistentes. Volvemos tamén a contar cos nosos científicos e as súas predicións, incluso na hora de investir nos distintos centros, para analizar os cambios nas nosas augas con antelación.
O Plan de Marisqueo está deseñado para que abranga unha seria de anos, pero tamén para modificar no caso de que as necesidades sexan outras?
É un plan que estamos a deseñar cos patróns das confrarías galegas. É un plan consensuado e un plan vivo. Xa van máis de quince reunións nos últimos meses e teremos outra en poucas semanas, para ver como se está a desenvolver e analizar como vai o diñeiro que pon a Consellería do Mar para o marisqueo directa ou indirectamente. Así que se pode modular en función do noso constante intercambio de opinións e cando vemos a situación de cada ría, porque cada confraría ten a súa peculiaridade. Preguntamos a súa opinión e damos a nosa e consensuamos as medidas a tomar. Se hai especies que non se dan e antes se daban, pois igual hai que cambiar nesa ría ou meter outro recurso. É fundamental estar cerca da xente para escoitar e entre todos tomar a mellor decisión posible. Aínda así un pode equivocarse, pero creo que é un xeito de equivocarse menos.
Teñén unha solución para o conflito dos mexilloeiros e percebeiros pola mexilla para que poidan convivir?
Temos que estar unidos. Non hai tres ou catro Galicias distintas. O que temos que darlles a ver é que as decisión políticas non se toman por caprichos. Con ese traballo científico que estamos a facer do recurso da mexilla no noso litoral podemos afinar para que percebeiros e bateeiros entendan as medidas a tomar. É importante que convivamos.
E a solución?
A través das distintas aplicacións que estamos a facer estamos a estudar cada pedra do noso litoral e en función do recurso estamos delimitando a zona ideal para a mexilla ou o percebe, a través deses estudos e contando coa xente.
Un dos problemas do sector é o relevo xeracional. Como o están a considerar dende a consellería?
Estou escoitando en todos os sectores a dificultade de atopar traballadores e traballadoras. Tamén no sector do mar, que moitas veces foi a última elección. Eu son do litoral, do concello de Cervo, e teño moitos amigos que o vían como último recurso. Dende a Consellería do Mar estamos a empregar moitos recursos para que a formación chegue á xente das tres provincias litorais. Son catro centros de formación que temos e o 5% do presuposto da Consellería do Mar. Foron 1.800 titulados os que saíron en dez anos. Estamos intentando achegar a formación e difundila. Atopámonos cun problema xeral e estamos facendo todo o posible para surtir de persoas ao noso sector.
Foi alcalde 16 anos e agora leva ano e medio de conselleiro. Que diferencia ve entre un e outro?
Cada un escolle aquel camiño que un quere. Estiven de concelleiro 28 anos, entrei no 95; tiña 25 anos cando entrei de responsable político en Cervo. Catro anos na oposición, oito de concelleiro e 16 de alcalde. Estaba coa niña xente porque tamén estaba involucrado en diferentes aspectos sociais no meu concello. Ao final, esa inquietude é a que te leva a meterte en política. Tamén exercía de veterinario, como autónomo, como asalariado. Nun lado e no outro sempre gocei moito da actividade que fixen, iso é fundamental. Gocei moito coas persoas. Como veterinario gozas moito coas persoas, porque sentas nas súas cociñas a tomar un café e a charlar. De alcalde igual, estás ao carón dos teus veciños, escoitas, compartes e tentas resolver problemas. Cando un se mete na actividade pública está para resolver problemas, para axudar. Ás veces non podes axudar a todo o mundo, non podes resolver ese problema. Agora, na Consellería do Mar amplíase o número de amigos que un vai coñecendo e dos que gozas, aínda que ves máis problemas, máis actividade. Agora o hándicap é que tes moito coche, porque hai que visitar Galicia dun lado para outro. Igual che gustaría poder percorrela andando para gozar máis da nosa terra. Pero gózalo igual. Ao final, estás facendo política e tentando resolver problemas á xente, que polo menos é para o que eu me metín nesta actividade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar