Medalla de bronce para o cangués Germade e diploma olímpico para Portela

Xogos Olímpicos | Piragüismo

Rodrigo Germade finaliza terceiro e Teresa Portela obtén a sexta posición nas finais olímpicas de K4 500 metros

Publicado: 09 ago 2024 - 08:25 Actualizado: 09 ago 2024 - 15:27
Los palistas españoles Rodrigo Germade, Saúl Craviotto, Carlos Arévalo y Marcus Cooper con la medalla de bronce. // E.P.
Los palistas españoles Rodrigo Germade, Saúl Craviotto, Carlos Arévalo y Marcus Cooper con la medalla de bronce. // E.P.

Pada tras pada. Dura, rápida, olímpica, de medalla. A final masculina do K4 500 metros vivida onte no campo de regatas de Vaires Sur Marne resultou dunha calidade inmensa, que tendeu ó infinito. Quizáis, quizáis, a mellor final vivida nos últimos oito anos no caiac de catro compoñentes, dende que entrou o medio quilómetro na programación olímpica. O barco do cangués Rodrigo Germade finalizou na terceira posición, a nada da vitoria e a segunda praza. Un segundo -un mundo-, cedeu o cuarto. Pola súa banda, o cuarteto feminino coa canguesa Teresa Portela, nos seus sétimos Xogos, rematou na sexta posición.

En homes, o vivido na canle de regatas pode considerarse historia deste deporte no referente ós tres barcos cabeceiros. Alemaña, Australia e a España de Germade realizaron unha competición que rozou a perfección, dun nivel altísimo, soberbio. Sabíase que así o farían os xermanos e os españois, que levan sete anos pau tras pau, pero chegou o bote oceánico, con moita xuventude, para entrar nun club excepcional e o fai cunha mocidade e forza extraordinarias.

A xornada comezou cunhas semifinais matinais nas que os barcos padexaron cun ollo posto nos rivais. Alí, na primeira quenda, Australia xa amosou a súa intención de loitar polo título cun tempo excepcional, mentres que o cuarteto español foi coa reserva posta, co único obxectivo de pasar de rolda. Despois, Alemaña avanzou en solitario no seguinte turno e con peor tempo para chegar ata a final.

Por iso, a loita de dous xa se podía intuir que sería a tres. A final comezou cunha saída falsa dos alemáns, algo moi pouco habitual, e o que chegou despois resultou unha regata excepcional. O cuarteto español de Germade, o betanceiro Carlos Arévalo, Saúl Craviotto e Marcus Cooper saiu ó seu habitual ritmo máximo e meteu a proa por diante durante máis de media regata. É o proceder habitual e quedaba por resolver ata onde poderían chegar Alemaña e Australia. Os dous perseguían. No ecuador da proba, a renda favorable para o caiac do morracense estaba en 0.16 cos teutóns e no dobre cos australianos. Os primeiros en cambiar foron os centroeuropeos, que pasados os trescentos metros igualaron a unha España que tamén tratou de facer o seu troco. E, por detrás, Australia apertaba ó máximo coa referencia dos alemáns polo rego do lado.

Ós últimos cen metros chegouse cas tres embarcacións case no mesmo tempo, proa con proa, e a falta de cincuenta produciuse a perda de ritmo de Germade e os seus compañeiros. Pola súa banda, no centro do campo de regatas, Australia aínda tivo unha velocidade máis para adiantar de xeito definitivo ós españois e levar a Alemaña ata a ‘photo finish’. A sorpresa maiúscula rozouse, pero non se deu nunha final coas tres embarcacións do podio en dúas décimas. Un suspiro, distancia mínima. E, quizais, soamente quizais, podería ser diferente se o vento, que soprou en contra chega a ser a favor. Fai máis curtas as probas e, polo tanto, máis difíciles as remontadas. Por detrás, o resto, porque ata un segundo sobre os españois perdeu a cuarta embarcación, unha Ucrania que nunca estivo na loita polas preseas. O primeiro bote do que é o nivel normal; os outros, marcan a excepción. En ocasións obsérvanse vitorias moi clara de deportistas que están por enriba do resto con moita claridade. No K4 masculino, Alemaña e España levaban case sete anos nesa altura de superioridade. Agora, atoparon outro barcos que chegou alí. Tivo que pasar máis dun lustro.

O bronce de Germade é a segunda presea olímpica para o morracense tras a prata de Tokio co mesmo barco. É un padexeiro técnico e solvente, que acumula unha medalla tras outra na proa do cuarteto español e que amosa, ano tras ano, unha pericia notable para un posto tan específico.

Se o K4 masculino ofreceu un notable rendemento e, simplemente, atopou dous barcos mellores, o feminino, coa canguesa Teresa Portela, non tivo o día. Haberá que atopar a explicación, pero analizando os tempos, a canguesa e as súas compañeiras (Sara Ouzande, a pontevedresa Carolina García e Estefanía Fernández) estiveron lonxe da loita polas preseas nunha xornada na que non puideron atopar a velocidade da serie clasificatoria. De feito, cos tempos na man, foron o bote que máis empeorou en relación á primeira regata. É certo que as condicións era algo peores, pero tamén a esixencia foi menor nas series porque aseguraron a clasificación con marxe para deixarse ir ó final.

Onte, na loita polos metais, o barco coa histórica morracense, que suma sete Xogos no seu historial con outras tantas finais e unha prata en Tokio (K1 200 metros), realizou unha boa saída, que espertaba toda esperanza, pero a velocidade chegou ós primeiros cincuenta ou, como moito, cen metros. Nese momento da regata, xa quedaba bastante claro que o bote carecía do ritmo necesario para loitar por uns postos cabeceiros nos que Nova Zelanda marcaba o ritmo. Gañou o ouro con 1:32.20 por diante de Alemaña -que empeorou algo o tempo das series- e Hungría. España rematou na sexta praza. Sobrepasou en segundo e medio co seu tempo de hai dous días.

Contenido patrocinado

stats