O soño de Meira esvaece
Traiñeiras
Samertolameu perdeu a categoría de xeito matemático en Ondarroa nunha regata chea de tristura na remada na que Orio puxo a ledicia gañando dende a segunda quenda
Durante semanas foi esmorecendo, pero onte esvaeceu por completo o soño de Meira de remar no mesmo mar que as mellores traiñeiras do mundo. A Bandeira de Ondarroa confirmou o descenso matemático de Samertolameu, que hoxe vogará en Getaria co único obxectivo de despedirse do mellor xeito posible da Liga ACT, á que chegou hai un ano tras ascender dende a Liga Galega A.
Faino resignada, cunha remada chea de tristura, case melancólica. Coma quen axexa dende o lusco e fusco ós rivais desexando ter os seus watios, as súas instalacións e as súas facilidades. A diferencia entre o remo vasco e o galego segue a ser xigantesca e non só en cuestións orzamentarias -que tamén-. Por iso, o de onte foi coma se o xato tivera consciencia de que vai ó matadoiro. “A Terca” saíu ó Cantábrico derrotada, sen forza, nin fe, nin coordinación para vogar nunha mar picada, con ondas que dificultaban ás proas e as popas estar en contacto continuo co líquido. Deste xeito, os barcos facían eses. Semellaban trompos. Así, Meira comezou a perder tempo, e tempo, e tempo. E tempo. Así ata máis dun minuto. Unhas diferenzas descomunais nunha primeira quenda dominada pola traiñeira local. Santurtzi foi segunda e meteu a Kaiku entre ela e Samertolameu para certificar o descenso moañés. Todo nun escenario de melodrama, con chuvia, vento e néboa. A tristura.
A ledicia chegou dende a segunda quenda. Gañouna Orio, que tamén apañou a Bandeira. O mar embraveceu para os mellores, e Cabo aproveitou para ser cuarta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
esgrima en silla
Judith Rodríguez vive dos grandes combates en Hungría
Tenis
Instalado en semifinales
traineras
Felicidad de estreno
Lo último