baloncesto | liga challenge
Kelliher lanza al Celta
Juegos Olímpicos de París 2024
Rodrigo Corrales (Cangas, 1991) volve a París, cidade na que viviu tres anos, para competir coa selección española nos seus segundos Xogos Olímpicos. É a cita máis especial para un deportista e o morracense non é a excepción. Atrás queda unha lesión nas costas que lle privou de xogar o Europeo de xaneiro, pero que lle fixo regresar máis forte para axudar a España no Preolímpico e ó seu equipo, o Veszprem, a gañar a Liga e a Copa en Hungría. Ós seus 33 anos non restan nin un ápice de paixón ó gardamallas cangués, que afronta a cita con moitas sensación positivas pero con unha por riba de todas: a felicidade de poder formar parte do ceo do deporte mundial. E, desta vez, con xente nas bancadas. “Son os Xogos do pobo”, sentencia nun momento da conversa. A lesión xa está esquecida.
¡Si! Tiven sorte na miña carreira porque non me lesionei moito, pero desta volta si que houbo medo polo ano que era e porque houbo momentos de bastante dor. Fixen moi boa recuperación e síntome moi ben. Non era a miña intención perderme o Europeo, mais non ir en xaneiro permitiume recuperar mellor, estar máis motivado para o que temos agora por diante e agradecer inda máis, se cadra, a oportunidade de estar aquí. Axudei á selección a meternos nos Xogos e ó meu equipo a gañar Liga e Copa. Hai que quedar sempre co positivo e así o fago.
“Polo romanticismo e o especiais que son os Xogos, gañar un medalla olímpica é o momento máis top”
Son os seus segundos Xogos, pero os primeiros sen a restricción da pandemia e nunha cidade que coido que é especial para vostede.
Hai moitísimas ganas. Non vexo o día de que cheguen. É moi especial porque é unha cidade na que vivimos tres anos. Tamén porque acabo de ser pai hai catro meses e poderá vir a miña filla. E polos siareiros. O deporte é para a xente. En Toquio sintes ese romanticismo dos primeiros Xogos, pero poder competir diante do público e nesta cidade top mundial é moi chulo. Tamén porque moitos cangueses vanse desprazar. Os de París van ser os Xogos do pobo.
Dame medo preguntarlle polo desfile de inauguración.
Nada, nada. Non hai maneira. O equipo feminino si que vai ir pero nós non podemos. Xa sabíamos que ía ser moi difícil porque xogamos ó día seguinte, pero inda por riba sairon os horarios e o partido é ás 9:00 da mañá. Así que imposible. A ver se temos a sorte de ir á de clausura, que quererá dicir que aguantamos ata o final.
¿Viviu algo mellor no deporte que gañar unha medalla olímpica?
É difícil pensar nalgo mellor. É un sono de pequeno e non só meu, senón de calqueira deportista. É unha medalla moi especial porque os Xogos en si son moi especiais. Son cada catro anos, van os mellores do mundo de cada disciplina e por ese romanticismo si que é o momento máis top. É un recoñecemento ó traballo do grupo durante tanto tempo, sendo campións de Europa en dúas ocasións. É verdade que, coma deportistas, imos día a día e cada oportunidade de gañar un título sempre a tomas con ganas de superarte e conquerir máis.
Os condicionantes son moi distintos ós de un Mundial ou un Europeo.
E tanto. O primeiro que xa non é so balonmán, senón moitos deportes. A Vila Olímpica é moi grande e non é coma nun Mundial ou un Europeo, que estás no hotel, con todas as cousas feitas para ti. Alí tes que ir á lavandería a levar e a recoller a roupa, agardar a túa quenda no comedor, atopar o teu recuncho no ximnasio... É como estar nun pobo pequeno cos seus servicios, pero tes que facerte cargo.
Pero con veciños ilustres.
Iso é o máis máxico. Vas por aí e atopas de todo. Lembro cruzarme con Yao Ming. Fai moita ilusión. Pero temos claro que non podemos perdernos nestas distraccións. Imos a competir, con partidos cada dous días. Xogar, preparar, xogar…
E con 14 xogadores...
Isto prexudicanos. Adoitamos empregar 16 ou incluso 17 ou 18 coas rotacións. Aquí estamos limitados. Pero tentaremos suplilo con polivalencia, máxima entrega e concentración.
“O perfil baixo é a chave do noso éxito; un pouco como a selección de fútbol na Eurocopa”
Que expectativas teñen nun torneo tan diferente ós habituais?
É difícil porque é moi atípico. Son dous grupos de seis e clasifican catro. O primeiro obxectivo é chegar a cuartos de final. Ese é o partido chave do torneo. O seguinte escalón xa é o das medallas e unha vez aí tes dúas oportunidades de acadar algunha. Temos cambios no equipo, boas sensacións, pero é a propia competición a que che marca onde estás co paso dos partidos. O perfil baixo que sempre tivemos é a chave do noso éxito. Un pouco similar ó que fixo a selección de fútbol na Eurocopa, así que tentaremos seguir o seu exemplo. Queremos ser prudentes, pero tentaremos ó máximo repetir o de Toquio ou mesmo melloralo. Facendo as cousas ben podemos gañar a todo o mundo, inda que tamén somos conscientes de que se baixamos podemos perder contra todos.
Dicíame Pedro Rodríguez -vigués nacionalizado húngaro que vai ós Xogos coa selección magiar- que España é favorita clara e Rodrigo Corrales un dos mellores porteiros do mundo.
Pero iso é porque Pedro me quere moito (ri). Bromas aparte, os nosos resultados fixeron que a xente nos respecte. Non tanto pola calidade individual, que a temos, como pola grupal. Somos un equipo moi xeneroso, preciso, que perde poucas bolas, Jordi é un mestre na análise, no vídeo, na preparación, na xestión... As outras seleccións saben que se queren facer unha cousa, igual se atopan con que España ten unha solución. Iso xera dudas e por iso sentímonos moi respectados.
¿Como é estar nun equipo tan punteiro en Europa coma o Veszprem?
Está moi ben. A verdade que a Liga de Campións sempre se nos resistiu. Xa de antes de estar eu. Estivemos en varias 'Final 4', pero nunca fomos quen de gañala. A nivel húngaro, temos un grandísimo rival como é o Pick Szeged, cun presuposto enorme, moitísima ambición e o ano que vén vai ter un equipazo. Este ano gañamos as dúas competicións nacionais. Agora cambiamos de adestrador e vén Pasqui, así que o obxectivo non é outro que loitar por gañar a Liga de Campións. Temos un plantel moi bo e moi compensado e temos a ilusión de que Pasqui nos dea iso que nos falta para poder ser campións de Europa.
¿E vivir en Hungría?
Eu estou contento. Levo 10 anos fóra de España e 16 fóra de Galicia. Sempre botas de menos cando voltas a Cangas ou agora na selección. Pero vívese moi ben. Veszprem é unha vila pequena, con invernos son duros, pero é moi verde, moi limpa, moi segura e a xente é moi respectuosa. Como experiencia é top. Tamén é certo que levo unha vida moi familiar coa miña muller e a miña filla e para exercer de pais, un sitio así é todo moito máis doado. E como país, puiden coñecer Budapest, que é unha cidade recomendadísima.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
baloncesto | liga challenge
Kelliher lanza al Celta
Balonmano
El Porriño se sabe defender
Balonmano
El Cangas gana y sale del descenso