Prognóstico de escaseza

Balonmán

O Mecalia Guardés recupera a Ceci Cacheda, Ari Portillo e Nerea Gil para recibir a un Conservas Orbe Zendal Porriño (13:45, Tdp) sen baixas e que atravesa unha crise de resultados

Ceci Cacheda encara a Carmen Prelchi no partido da primeira volta no Porriño.
Ceci Cacheda encara a Carmen Prelchi no partido da primeira volta no Porriño. | JV Landín

Non resulta sinxelo facer un prognóstico dun derbi entre o Guardés e o Porriño. Sempre é complicado saber quen pode gañar ou cales van ser as xogadoras decisivas. Pero se hai unha chave, un aspecto lóxico, é que o partido de hoxe á hora do xantar (13:45) terá poucos goles. É a sinal de identidade da formación dirixida por Ana Seabra e, nos últimos encontros, tamén é a característica do equipo de Isma Martínez, que tras a marcha de Aitana Santomé e Paulina Buforn opta por un balonmán máis lento con moitas situacións de dobre ou triplo pivote. Son as necesidades, as filosofías e uns estilos que indican que o vaticinio para hoxe é que o encontro será a poucos goles. Prognóstico de escaseza.

A partir dese primeiro ditame, coñecer como pode ir o resto do partido xa é xogar ás adiviñas. Seguro que haberá un ambiente fenomenal encabezado pola peña O Inferno, pero que terá colaboración do resto do público asistente e, quizais, dos seareiros porriñeses que viaxen para ver o partido. Non serán moitos, pero haberá camisolas vermellas entre as típicas do Guardés. É a maxia dun partido de rivalidade, de tanta rivalidade. Pero dunha amizade íntima, de veciño que non move o marco, pero se pode rega máis para sacar mellores patacas e da máis sulfato ás viñas para ter unha colleita máis alta e, despois, sacar peito todo o ano.

Así é o enfrontamento no que na pista o equipo local volverá ter a súa tradicional defensa de gran dureza, coas paradas de Banzinc na portería e, no ataque, contará coa dirección de Ceci Cacheda, recuperada tras ser baixa na derrota contra o Beti-Onak. A receita é encaixar poucos tantos e marcar os necesarios para gañar o enfrontamento. É sinxelo de dicir, pero complicado de facer. Ademais da lalinense, a directora do ataque miñoto, regresan ó equipo a extremo -e defensora- Ari Portillo e a central Nerea Gil.

Isma Martínez ten a todo o seu equipo para xogar na Guarda e necesitará a mellor versión para poder plantar cara ó seu veciño, que é cuarto, pola sexta posición na que marcha a formación louriñesa. O equipo porriñés leva cinco partidos de liga sen gañar. Para trocar a xeira, precisa mellorar a eficacia no lanzamento porque leva semanas con porcentaxes realmente baixos e xoga contra unha das mellores defensas da liga. Tamén iría ben á formación de Isma Martínez marcar algún que outro tanto en contraataque. Cuestión que perderon nestas últimas semanas e son uns goles que precisa o Porriño, xa que está limitado nos recursos ofensivos, con moitos minutos para Carolina Bono e Adriana Mallo.

No aspecto clasificatorio, o Guardés busca seguir o ritmo de Rocasa Gran Canaria e Bera Bera, que gañaron onte e amplían a renda sobre o equipo miñoto, que é terceiro, pero loitando por rematar no mellor posto posible. Pola súa banda, as de Isma Martínez marchan sextas e cunha marxe de soamente seis puntos sobre o noveno posto. Algo que non interesa porque suporía non ir polo título, xa que soamente poden acceder a este ‘Play-off’ de ascenso os oito primeiros. Son as liortas típicas no ano no que o derbi está situado á hora do almorzo (13:45 horas). Isto motivou a directiva do Guardés a preparar unha xornada de festexos dende as 12:00, con comida de diversos tipos nas beiras do pavillón e, por suposto, non faltará o líquido elemento. Tamén haberá música cun dj e, seguramente, se a vitoria é local, tras o choque, alongarase a celebración. Aínda que se gaña o Porriño tamén haberá festa porque o derbi galego é, fundamentalmente, ledicia. A iso axuda o himno previo. Un día sempre especial.

Ana Seabra: “Hai que recuperar o nivel no xogo e a eficacia”

A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Seabra, expresou sobre o encontro de hoxe ante o Porriño (13:45) que “sempre é especial. Máis alá diso, estamos centradas en mellorar e corrixir o noso traballo dos últimos partidos”. Estas modificacións pasan por “controlar mellor os momentos do partido e recuperar a calidade e a eficacia. Son os nosos principais obxectivos”. O equipo do Baixo Miño leva cinco derrotas dende que comezou 2026, que son todas as que leva este curso en liga. “Porriño nunca é un rival doado, xa que loita polos partidos ata o derradeiro segundo”, expresou a adestradora, pero tamén engadiu que a súa principal preocupación estará no seu equipo, xa que “temos que ter moito respecto polo rival, pero tamén polo traballo diario que facemos”. Ana Seabra afronta o que podería ser o seu último derbi galego porque ó final de tempada deixará a dirección do equipo miñoto ó non chegar a un acordo para renovar o seu contrato. Polo tanto, o enfrontamento tamén terá un punto de emotividade para a lusa.

Isma Martínez: “Marcar polos extremos será algo chave”

Chega o Conservas Orbe Zendal Porriño en crise ó partido tras cinco encontros sen gañar. “Está claro que non chegamos no mellor momento a nivel ofensivo. Cústanos moito facer gol e contabilizar as situacións claras de lanzamento que chegamos a xerar", explicou o adestrador do equipo, Isma Martínez. Dentro deste aspecto xeral, sinalou un punto chave: “Para nós é fundamental facer goles dende os extremos. Se o facemos, ensancharemos a pista e teremos máis espazos”. Do resto de elementos do xogo, o cangués engade que “temos que manternos defensivamente como ata agora, que pasa por repregar ben e reducir o número de perdas de balón”. Son os puntos que destaca o preparador do Porriño, que quere mellorar os números no final de curso para poder manter a sexta posición. “Non será doado, pero o equipo está competindo ben”, rematou Martínez. Comparte con Seabra que anunciou a súa marcha ó final de tempada. No seu caso, tras toda unha vida no club en diversos postos.

Contenido patrocinado

stats