Na casa estamos ben

boxeo

Juanca Alonso, coa vitoria no seu debut como profesional, encabezou unha velada de gloria para os boxeadores do Rebouras, que acadaron seis triunfos no Día de Galicia

O ximnasio In Legatum albergou unha velada de boxeo organizada polo Rebouras o pasado venres.
O ximnasio In Legatum albergou unha velada de boxeo organizada polo Rebouras o pasado venres. | Juancho Everman

Día de calor, pero con esa brisa que achega o mar e que sempre refresca en Bouzas. Así viviuse o atardecer do Día de Galicia no ximnasio In Legatum cunha velada de emoción e co recinto practicamente cheo que permitiu ós boxeadores do club organizador do Rebouras ter un auténtico día de festividade e ledicia. Porque acadaron seis vitorias por unha única derrota, case un pleno.

A listaxe de enfrontamentos tivo como prato principal do menú o debut profesional de Juanca Alonso fronte a Manuel de Jesús, de Reus. Durou pouco o combate porque un golpe á zona do fígado tumbou ó deportista catalán e permitiu ó do Rebouras certificar a vitoria por KO no segundo asalto. A calidade notouse dende o comezo para resolver o combate. Nun solpor con moitas boas novas, a ledicia xa foi absoluta para toda a familia do Rebouras.

Anteriormente, a cita tamén tivo a disputa dun título galego neoprofesional, no que Álex Castro (CKM) superou a Luis Antonio ‘Vene’ (Turbo). Foi na loita de semifondo, na que non compareceu ningún integrante do Rebouras.

Si estiveron os locais no resto de enfrontamentos, con ata cinco vitorias e unha única derrota. A sesión de boxeo comezou coa primeira praza de Aisha Corredora sobre Alicia Portela (Narón) para despois verse a derrota de Carla Campo contra Daniela Serrano (Boxing Lugo). Foi a única para a expedición do club organizador. A continuación, Aloia Alcaraz superou a Ana Belén (Turbo).

Chegou o momento dos combates sénior e a tendencia mantívose coa vitoria de David González contra André Lago (Oz) e, no primeiro duelo neo-profesional da tarde, o triunfo recaeu en Víctor Lourido, que bateu a Diego Céspedes (Turbo Box). Despois chegaron os combates máis esperados da sesión e o peche de gloria para Juanca Alonso e, por extensión, para toda a familia do club vigués, que esperaba a principal cita da tarde e celebrou a vitoria.

Pouco a pouco, o sol do solpor entrou algo máis polas ventás do In Legatum para pechar a sesión boxística, que resultou, por entradas vendidas e espectáculo deportivo, unha gran xornada de boxeo polo Día de Galicia no barrio de Bouzas. Festa no almanaque e tamén celebración deportiva. En definitiva, un gran día.

Contenido patrocinado

stats