Máis canteira e unha idea no Celta
Baloncesto
O Celta Zorka Racalvi planea un equipo de doce xogadoras con cinco formadas no club
O Celta Bosco presentou onte os seus compañeiros de viaxe na nova tempada, que será na Liga Challenge de baloncesto feminino, a segunda categoría de España, e que terá como patrocinadores ás mesmas firmas que en anos precedentes: Femxa, Zorka e Recalvi. Ademais doutras empresas de Vigo e arredores. Tras perder a categoría o pasado curso, o presidente da entidade, Carlos Álvarez, manifestou de forma clara que “o obxectivo é ascender á Liga Feminina”. Sen medias palabras nin falta de ambición, o dirixente foi claro nas súas palabras.
Para chegar a esta misión, a liña está marcada e pasar por un conxunto amplo en número, pero claramente con regreso ós equipos propios. Estarán ás ordes de Cristina Cantero doce xogadoras, pero cinco serán galegas e da canteira. Ademais da renovada Sara Vidal, a de máis experiencia e que leva anos no equipo, engadíranse Paula Salinas, Uxía Rodríguez, Naiara Martínez e unha última xogadora en idade xuvenil que podería ser Gabriela Pato, que xa viaxou co primeiro equipo, aínda que haberá que esperar uns días para coñecer a listaxe definitiva. Estas catro, por debaixo dos vinte anos. Algunha delas terá que ser relevante na rotación da adestradora.
Sara Vidal estará acompañada por outras catro xogadoras da canteira no primeiro equipo
Non obstante, o peso do conxunto vigués estará nos reforzos que cheguen dende diferentes lugares, de España e do estranxeiro. O club ten pechadas, que non confirmadas, a seis xogadoras máis, das cales tres son do baloncesto español e outras tres de fóra. Haberá unha extracomunitaria e dúas europeas ou con pasaporte homologable. O club traballa na chegada da cuarta foránea, que tamén terá que ser coa condición de xogar como comunitaria porque a segunda categoría de España soamente permite ter unha con papeis que non son da Unión Europea.
“Estou tranquilo co equipo feito porque estamos en xuño e soamente nos queda unha xogadora. Ó baixar, había que estar pendentes de que os equipos de Liga Feminina completaran os planteis pola escaseza de deportistas españolas e que elas queren estar na máxima categoría. Por isto, estou tranquilo”, afirmou o responsable deportivo do club vigués. No tocante ás opcións de subir o chanzo esixido, manifestou que “non será doado porque hai conxuntos bos e que teñen esta mesma ambición”. O nome que saíu como principal candidato e máximo rival é o Azulmarino Mallorca Palma, que “ten un orzamento á altura do nivel medio de Liga Feminina”. A partir de aí, aparece o Ardoi, descendido co Celta, o Unicaja, que “ten unha estrutura forte masculina e medra na feminina” , o Barça e “algún outro que poida empezar como tapado e meterse na zona alta", explicou Carlos Colinas.
O club xa conta con once xogadoras e queda por asegurar a chegada dunha tiradora europea
Para pechar o equipo o club aínda ten que facer unha duodécima incorporación, que será unha xogadora “exterior e con bo lanzamento”, ademais de engadir que “polo xogo interior estou tranquilo. Creo que fixemos un bo equipo”. Necesita acertar o dirixente porque o Celta é totalmente novo xa que Sara Vidal é a única xogadora que continúa e, como capitá e da canteira, é a imaxe da campaña de abonados que iniciará a entidade o vindeiro 1 de xullo. Como medida estrela está o feito de que “se acadamos o ascenso, manteremos as condicións económicas a todos os socios que tramiten o carnet este ano”, engadiu Colinas.
A Liga Challenge comezará o fin de semana do sábado 27 de setembro conformada por dezaseis equipos con trinta xornadas. O primeiro clasificado ascende de forma directa e do segundo ó noveno xogarán un ‘play-off’ de ascenso con eliminatoria a dobre partido en cuartos de final e unha final a catro. Un mes despois do primeiro ascenso chegará o segundo.
As dúbidas co filial
O segundo equipo do Celta Bosco acadou ó final da tempada o ascenso a Liga Feminina 2 (terceira categoría de España) e a entidade aínda dubida en formalizar a inscrición da formación nesta división ou renunciar. Carlos Colinas argumentou que “non o faremos, salvo ter as garantías económicas necesarias para afrontar a campaña”. A categoría é de carácter estatal e con dous grupos, o que obriga a moitas viaxes. O prazo para anotarse é o venres 4 de xullo aínda que a entidade espera tomar unha decisión antes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar