A Deputación busca piloto para o Galego de Rallys
Motor
A terceira edición de +Talento Motor abre a inscripción e as probas serán en xaneiro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta Luisa Sánchez presentaron onte en Vigo a terceira edición do programa +Talento Motor, a academia de pilotos da que sairá o condutor do coche patrocinado pola Deputación que participará no 2026 na Copa Dacia Sandero, a categoría ecolóxica do Campionato Galego de Rallys. Na sede do organismo provincial en Vigo, López abriu o prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas de selección que terán lugar o vindeiro 18 de xaneiro no circuíto de A Madalena, en Forcarei. “O motor ruxe con máis forza ca nunca na provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial.
Acompañado polo presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, representantes da escudaría AMF Motorsport e polo gañador da primeira edición do programa, Yago Martínez, e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, Luis López destacou que o +Talento Motor vai máis aló da participación no campionato de rallys de Galicia. “Demostramos a nosa aposta polo mundo do motor da man da Federación e da Escudaría AMF Motorsport, que nos presentaron un proxecto, levámolo adiante e os froitos xa se están a ver. Ademais, estamos a darlle proxección ao motor, damos oportunidades ao talento mozo e demostramos o compromiso coa sustentabilidade e o medio ambiente cun coche que é propulsado por GLP”, explicou o dirixente.
A vicepresidenta Luisa Sánchez, pola súa banda, centrouse na “oportunidade” que supón este programa para os amantes do automobilismo ao “abrir as portas” dunha competición de ámbito autonómico e que permite “descubrir o talento novo”. Neste sentido, a tamén deputada de deportes da Deputación salientou o “acompañamento” que o ente provincial ofrece aos deportistas das categorías de base de todas as disciplinas a través do proxecto O Noso Club, “unha canteira que fai que a Deputación estea presente en todas as disciplinas deportivas apoiando aos deportistas desde as categorías máis temperás”.
“O mellor exemplo é Yago, que puxo o listón moi alto. É unha satisfacción acompañarvos en todo o camiño e animo aos mozos e mozas a que se inscriban para participar no +Talento Motor”, dixo Sánchez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último