Delio Fernández: "A partir de agora vou ser un 'social rider', un globero"
Ciclismo
O ciclista moañés retírase do ciclismo profesional: “Decidino hai tres semanas porque xa non estaba para correr”
Delio Fernández anunciou que se retira del ciclismo profesional tras 18 anos de carreira. “A partir dagora vou ser un globeiro”, reconoce con humor o corredor moañés, que aos seus 39 anos confesa non ter a motivación necesaria para afrontar con plenas garantías unha temporada máis na elite. “Decidino hai tres semanas porque xa non estaba para correr”.
Como foi a decisión?
Xa o decidín hai unhas tres semanas. Non estaba para correr xa. Supoñíame un esforzo constante e o corpo ten fatiga, tanto física como mental, e todo pasa factura. Decidín adiantar a miña retirada. É un conxunto de cousas. Nin soamente físico nin soamente mental. É un conxunto de cousas, aínda que estaba motivado porque era consciente da miña faceta no equipo nesa función que xa levaba tempo facendo de ser un pouco de guía e acompañar ós novos no seu crecemento. Agora vin que era principio de tempada, que me custaba moito e seguir máis xa me pesaba.
E foron moitos anos e loitando por ten un oco.
A miña carreira deportiva tivo momentos de todo tipo e con diferentes situacións. As dificultades, con pouca idade, superalas mellor e tes esa ilusión de ser ciclista e dedicarte ó deporte que a un lle gusta. Foi o que me permitiu pasar eses momentos que foron complicados para o deporte en xeral e, ó redor do 2010, tocaron pasar eses momentos complicados. A ilusión foi o que me levou a continuar e nunca pensei ter unha carreira tan longa. Ía estar un ano máis, pero as sensacións non eran boas e parei. Agora viña a etapa das alerxias, na que eu aínda sufro máis, e preparar unha Volta a Portugal esixe estar moi concentrado e unha dedicación que non estou para dar.
Está collendo algo a bicicleta?
Eu vou ser ciclista toda a vida. Como di Antonio Alix en Eurosport, ciclistas non son soamente os profesionais, tamén son os que suben na bicicleta. A partir de agora vou a ser ‘social rider’ ou coñecido habitualmente como globero. Sen máis. Xa nos últimos anos buscaba moitos alicientes nos adestramentos porque as pernas xa non ían tan ben e tentaba ter compaña. Si que había días nos que podía ir máis en solitario, pero si que era habitual estar con xente adestrando e agora o que me apetece é saír cos amigos, andar un pouco e tomar un café. Despois, se as pernas van, apertar un pouco. E se non van, ir tranquilo. Os amigos intentarán devolverme todas as que lles teño feito estes anos. Ou, polo menos, intentalo.
Como valora a súa carreira?
Eu fixen unha carreira a base de esforzo, dedicación e ó longo de tantos anos sempre hai malos momentos, pero pásanse a base de traballo e porque un ten paixón por este deporte, que axuda a superar eses momentos malos e sempre tiven unha estabilidade emocional e familiar, que foi un punto de apoio importante na miña carreira deportiva. Tiven algunha caída e teño un ombro tocado, pero quitando iso, non tiven caídas graves. E todo isto suma para ter unha carreira longa.
Viviu unha transición ó ciclismo notable.
Este deporte trocou moito, moito. Moitísimo. Cambiaron as bicicletas, pero moitas máis cousas. Eu xa comecei como un ciclista moderno porque dende que comecei tiven un preparador físico como guía. Xa usabamos un método científico que se foi actualizando cos anos. Rexistrámolo todo, tiña adestramentos máis controlados e, despois, chegaron os watios. Eu xa os usei dende o terceiro ano de profesional, en 2010. A alimentación tamén trocou moito. Contarlle á xente o que comía cando pasamos a profesionais e eu xa era dos que máis comía… Os hábitos son totalmente diferentes e non me quero imaxinar nos grandes equipos cos medios que teñen. A distancia entre os equipos pequenos e grandes incrementou por esa diferencia de medios. De feito, xa hai diferencia entre os equipos grandes. Agora hai moita facilidade para detectar o talento, que se selecciona antes e xa van para os grandes.
Nota que é un ciclista coñecido?
A miña carreira tivo os seus pequenos éxitos. Pero fun un ciclista modesto a nivel internacional. Con tantos anos, si que pasar a ser un pouco coñecido, pero aquí en Moaña que é un pobo e sen máis. Sempre pensei e considero que son un obreiro do ciclismo.
Ten moito cariño a Portugal?
Si, si. Vivín os peores anos do ciclismo español, cando menos equipos había e tiven esa sorte de poder ir a Portugal. Despois pasei por Francia e volvín a Portugal. Os galegos temos que estar moi agradecidos ó ciclismo luso porque sempre nos acolleu ben. Nós, por cultura e forma de ser, por idioma, tamén nos adaptamos ben. Mellor que outros corredores. Sempre foi unha saída e si que estivemos un pouco máis afastado dese ciclismo ‘glamour’. Iso tamén nos serviu para adaptarnos mellor ás dificultades que van aparecendo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar