A cultura do cuadrilátero

Boxeo

A escritora María Reimóndez e a música Najla Shami mídense nunha exhibición na Noite das Guerreiras de mañá en Vigo, que visibilizará o empoderamento da muller a través do deporte

Publicado: 04 jul 2025 - 05:10 Actualizado: 04 jul 2025 - 10:49

A escritora María Reimóndez (esquerda) mídese mañá á súa amiga, a cantante Najla Shami (dereita), nunha exhibición dentro da velada.
A escritora María Reimóndez (esquerda) mídese mañá á súa amiga, a cantante Najla Shami (dereita), nunha exhibición dentro da velada. | Vicente Alonso / Cedida

Inda que o almanaque marque o ano 2025, as mulleres viven na obriga de derrubar teitos de cristal unha e outra vez. En tódolos eidos da vida. Tamén no deporte. E, incluso no mundiño, nuns máis ca outros. É o caso do boxeo, que coma toda disciplina de combate, está asociado intrínsecamente á masculinidade. Con iso en mente, brotou a idea de facer unha velada 100% feminina, que mañá verá a luz na Vieja Escuela, en Lavadores (19:30). Serán doce combates con mulleres e rapazas de diferentes idades. Un deles será unha exhibición, con dúas representantes da cultura: a escritora María Reimóndez e a música Najla Shami.

De súpeto, dous clixés van polo sumidoiro. Porque si, as mulleres poden boxear tan ben coma calqueira. E a cultura non está enfrontada co deporte. De feito, o deporte é cultura. “Esa cousa cultureta de que o estudado non pode ser unha persoa físicamente móbil paréceme unha cousa absurdísima”, sinala Najla, cantante e profesora de técnica vogal de orixe palestina, e tamén boxeadora dende hai oito anos. “Fixen unhas 6 pelexas. Logo estiven algo parada por mor do traballo e os estudos”, explica. “Pero chamoume María, que é moi amiga de hai moitos anos. Propúxome esta velada de visibilización e apeteceume moitísimo”, explica.

“O boxeo non é un espazo máis machista ca outros; o mundo literario é moito máis” — María Reimóndez - Escritora e boxeadora

Así foi. María Reimóndez, que tamén é promotora do evento, contactou coa súa amiga . “Sempre falabamos de quedar para facer luvas. Así que é moi importante para nós facelo dun xeito que trascenda ó privado porque serve para deixar atrás este estereotipo”, suliña a escritora, autora de “Furia”, que trata sobre unha adolescente que atopa no boxeo unha terapia para a súa dor. “Na miña escrita é habitual que as mulleres fagan deporte”, sostén. Natural. Tanto como debería ser misturar literatura, música ou calqueira outro campo cultural co deporte. E viceversa. “Queremos amosar que o boxeo pode formar parte da vida de dúas mulleres da cultura, igual ca de calqueira persoa”, engade.

Un grupo de boxeadoras que mañá participará na velada da Vieja Escuela, en Lavadores.
Un grupo de boxeadoras que mañá participará na velada da Vieja Escuela, en Lavadores. | Vicente Alonso

Botar por terra ese tópico vai por bo camiño. Rematar co machismo, lamentablemente, ten un percorrido aínda máis longo. No deporte e na sociedade. “O boxeo non é un espazo máis machista ca outros. O mundo literario é moito máis”, advirte Reimóndez, que, porén, non oculta situacións que padecen como mulleres no puxilismo. “Que pensen que non sabes é inevitable. Mentres pasas desapercibida e aceptas todo como está, non pasa nada. O problema é cando pos o foco sobre a necesidade de sermos visibles, coma nós coa velada”, lamenta. Najla, igual que todas, sábeo ben. “Atopo moitos dinosauros mentais, con estructuras moi pechadas na cabeza”, sostén, mentres engade outra incógnita á ecuación. “Non hai feminismo sen unha reeducación masculina”, dispara, sobre todo, apuntando a compañeiros e adestradores de maior idade. Por iso, é chave unha deconstrucción coma homes.

“Esa cousa cultureta de que o estudado non pode ser unha persoa físicamente móbil paréceme algo absurdísimo”

Mais, pese a todo, ambas amigas teñen claro o efecto reparador do boxeo. “Empodera moitísimo”, proclaman as dúas. “Reflexionas moito sobre a túa capacidade de sufrimento, sobre a rabia, sobre a ofensividade, o axuste da agresividade”, destaca Najla. María pon nun lugar máis sobranceiro que é “para todo tipo de corpos”, algo moi importante para saír dos bucles do “deporte coma castigo na busca dun ideal físico” que sofren as mulleres. “No boxeo non hai nada diso”, resume, ó tempo que remarca o “carácter comunitario”, que permite “reforzar as nosas propias diverxencias e diversidades”. Reimóndez reclama con orgullo a súa, coma membro do colectivo LGTBI. Shami tamén o fai, como muller palestina. “Tratarei de visibilizar no combate o xenocidio que se está a perpetrar en Gaza. Agardo levar a miña bandeira”, anuncia, mentres fala con paixón dun equipo de boxeo feminino na franxa, pese a que o seu ximnasio foi destruido polos bombardeos de Israel.

Todos estes importantes aspectos atoparán visibilidade mañá na Vieja Escuela nunha velada que apunta a ser inesquecible para as protagonistas. “Agardo contaxiar a otras mulleres para ir construindo o proceso ó noso xeito, aportando as cousas que coma mulleres podemos aportar”, reflicte Najla. Pase o que pase, María xa se sinte gañadora: “Xa conquerimos que as compañeiras estean ilusionadas e ter este sentimento de colectividade. Que elas entendan a súa propia importancia, que moitas veces temos esa sensación de irrelevancia por eses comentarios de que o deporte feminino non interesa e todas esas cousas”. Unha mensaxe na que confluén o feminismo dentro da cultura do cuadrilátero.

Contenido patrocinado

stats