Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Traiñeiras
Chapela apretou, axexou, atosigou e mesmo desacougou a Ares. Pero non gañou. O bote chapeleiro fixo onte, diante dos seus siareiros, a mellor regata do que vai de tempada e amosou que pode ir a máis ó longo do verán. Acadou o segundo posto a catro segundos da traiñeira de Ferrolterra, a distancia máis curta entre as dúas nas tres citas ligueiras consumidas ata agora. O problema é que os postos marcan as puntuacións e non os tempos, polo que os homes de Juan Zunzunegui perderon un punto máis con respecto ó líder invicto da competición.
Unha resolución axustada nunha tarde solleira no peirao da Mosqueira. Disque o remo é o deporte de moda en Chapela e notouse. Primeiramente por organizar este súper sábado, con regatas das tres ligas co clube berete representada en todas elas. Un notable grupo de siareiros empurrou dende terra e a piques estiveron de festexar unha vitoria masculina que secundase ó puño de ferro das mulleres de laranxa, imbatibles onte, hoxe e mañá.
A quenda de honra xuntou ós catro mellores barcos deste arrinque de campaña, pero desta volta a regata foi un man a man entre as dúas primeiras. Ares sentiu o desacougo, mais non se alporizou. Estivo en cabeza durante toda a proba mentras notaba o alento dos beretes no pescozo. A dous segundos na primeira ceavoga. Á mesma distancia na segunda. Pero non houbo xeito. A “Santa Olalla” mantivo un ritmo uniforme e mesmo aumentou a marxe no último rego. Xusta vencedora da Bandeira.
Por detrás entrou Tirán. O bote moañés foi de menos a máis na regata. Especialmente nun descomunal último longo, no que recuperou a desvantaxe con Castropol para adxudicarse esa praza de podio, que é o obxectivo de mínimos da “Mar do Con” esta tempada.
Menos ambiciosa ten que ser a súa eterna rival. Meira está a salvar a difícil papeleta que ten este ano, cunha tripulación moi nova, e non só cumpriu o obxectivo de manterse na segunda quenda, senón que acadou o segundo posto tras Rianxo. Sexta no global.
Peor o vai pasar Cesantes. O barco flúor encadeou o seu terceiro posto de pechacancelas en outras tantas regatas. Resultado duro porque, ademáis, estivo moi lonxe de ter algunha opción de aspirar a algo mellor.
En ciclismo, as contrarreloxos son o peor pesadelo dos escaladores. Os seus pequenos corpos non están preparados para mover grandes forzas e loitar contra o vento en terreo chan. Iso, coas enormes distancias que hai entre as bicicletas e as traiñeiras, foi o que padeceron onte as remeiras de Tirán na única regata neste formato de pelexa contra o crono que hai no almanaque da Liga ACT. A “Mosqueira” volveu ser pechacancelas na Ría de Bilbao, a máis de 20 segundos de Cabo da Cruz, penúltima nesta ocasión.
O resultado é nefasto para o bote moañés. Porque Hibaika, antepenúltima, mételle dous puntos máis ás mulleres de azul, que van últimas con seis unidades, a sete de vascas e barbanzanas. Difícil. Moi difícil.
Na parte cabeceira, Arraun Lagunak escribiu a mesma historia de sempre. Dalle igual o formato. As donostiarras son inda máis dominadoras este verán do que foron o pasado, cando sairon campionas. As compañeiras da canguesa Bea Piñeiro, que onte non subiu á traiñeira, deron boa conta de tódalas rivais. Inda por riba, sairon beneficiadas do que pasou por debaixo. A Donostiarra meteuse segunda, con Hondarribia terceira e Orio -coa canguesa Vicky Piñeiro na proa- cuarta e a segunda da xeral, Tolosa, quinta. Isto deixa o barco mariscal da ACT con nove puntos de vantaxe sobre a súa inmediata perseguidora. Ten o título ligueiro no peto.
A regata masculina foi a primeira do curso sen vitoria de Urdaibai. Non foi así porque Zierbena, adestrada polo moañés Dani Pérez, arrebatoulle o triunfo polo pelo dun calvo. 86 centésimas permitíronlle ó bote de Bizkaia axitar a primeira Bandeira do verán. Cos de Bermeo perdendo a condición de invictos, Orio, Hondarribia e a Donostiarra coparon os postos altos.
Para atopar ós galegos hai que irse abaixo. E, no caso de Bueu, abaixo de todo. O bote morracense mellorou un pouco as súas prestacións nun escenario que non lle favorecía para nada. Pero de pouco serviu. A “Maruxía” volveu ser última, desta volta a once segundos de San Pedro, que comeza a semellar inalcanzable nese posto de play-off. Cabo non tivo o día e foi décima. A Liga continúa hoxe (11:30, TVG2) coa Bandeira de Sestao.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Balonmano | División Oro
El Carballal busca en casa la tercera victoria de la temporada
Lo último
Menú de Navidad
Pescados y mariscos, a precios de récord en las plazas viguesas
Condado/Paradanta
El arte urbano cambia la estética del IES de Salvaterra