Axel Afonso acada a vitoria con catro podios galegos
Piragüismo
Os palistas do área de Vigo destacaron na Copa de España de Mondariz de slalom
Axel Afonso, coa vitoria en K1, destacou entre a armada dos palistas de Vigo e o área metropolitana na Copa de España de piragüismo slalom que se celebrou este fin de semana en Mondariz, vivindo unha xornada ó completo no sábado pero supendéndose nas semifinais o domingo polo alto caudal do río debido á choiva.
Polo tanto, a sesión dobre do certame copeiro rematou cunha cita individual na que Axel Afonso superou a todos os integrantes da selección española ó asinar 90.92 segundos. O tomiñés Manu Ochoa acadou a medalla de prata ó deixarse 1.67 segundos, mentres que Miquel Travé, a referencia actual en España, foi terceiro (2.12). No seu caso, pagou un toque de dous puntos nunha xornada co río alto, que dificultaba as manobras.
Travé (96.66) si superou á armada galega na proba de canoa. Neste caso, tras gañar nunha apertada loita ó salvaterrense Dani Pérez Cortegoso, que se deixou 0.88, mentres que o salcedense Luis Fernández xa cedeu máis renda e rematou a 4.70.
Na categoría feminina, destacou Ainhoa Lameiro, tamén dentro da categoría de canoa. Asinou a medalla de prata nunha cita na que mandou Nuria Vilarrubla con 105.83, mentres que Lameiro deixouse 2.63 segundos. O podio pechouno Miren Lazkano a 3.00 da primeira posición. Polo tanto, a de Salceda acadou a prata de xeito axustado, pero superou a unha das compañeiras na selección española nunha proba onde as tres canoístas son habituais coa selección.
Estes resultados chegaron na sesión do sábado, na que o río xa levaba un notable caudal de auga, pero o domingo aínda foi peor o día porque a choiva caída durante toda a xornada rematou por impedir a competición. Non obstante, os palistas acudiron á sesión e puideron disputar as semifinais ata a suspensión.
Dentro destas condiciónss, os resultados dos piragüistas de Vigo e o área metropolitana estaban a ser positivos. Luis Fernández (82.08) asinou o mellor tempo en canoa, mentres que Ainhoa Lameiro quedou a 0.25 centésimas de Nuria Vilarrubla (85.51). En K1, Axel Afonso asinou o terceiro tempo e Manuel Ochoa o quinto nesas semifinais. Non obstante, a competición suspendeuse.
A Copa de España de Mondariz abriu a tempada de competicións relevantes para os palistas de augas bravas, que teñen como obxectivo os controis selectivos de abril e maio en La Seu D'Urgell e Pau.
Contenido patrocinado
También te puede interesar