Xavi Font: “Sirat’ foi como facer un castelo humano xuntando forzas de moita xente”

O produtor da película “Sirat” din: “Gústame producir dende a periferia”, confesa, “non todo pasa no centro”

Xavi Font, produtor de Sirat, filme seleccionado para os Premios Oscar.
Xavi Font, produtor de Sirat, filme seleccionado para os Premios Oscar. | Atlántico

Xavi Font, produtor de Sirat, filme seleccionado para representar a España na 98ª edición dos Premios Oscar que terá lugar o próximo 16 de marzo, agarda, sen deterse, o recoñecemento internacional dun “castelo humano que se constrúe xuntando forzas de moita xente”, recoñece con humildade.

Sinxeleza e paixón por un cine que se “asemelle á realidade” describen a súa traxectoria que arrincou en Galicia, un lugar do que el, a día de hoxe, é algo máis que fillo adoptivo. “Gústame producir dende a periferia”, confesa, “non todo pasa no centro”, conclúe.

Sirat acaba de recibir un porrón de Goyas. A saber: mellor montaxe, mellor dirección de fotografía, mellor son, mellor dirección de arte, mellor dirección de produción, mellor música orixinal... o estraño é que con todos estes galardóns non recibira o de mellor película sendo o cinema un traballo que ten como orixe a imaxe, máis alá da mera escritura...

Eu síntome moi feliz, e o primeiro, quero reivindicar o valor creativo destas categorías que non son menores... o cinema é un pouco a colisión das artes e medrou no século XX herdando todo o que viña de atrás con disciplinas como a literatura, pero tamén a fotografía, pintura... eu son produtor pero ante todo compositor, e sinto que todo, visible e invisible é algo que lle chega o público. Por exemplo, como produtor, tamén somos parte de esa engrenaxe e sentimos ese recoñecemento, porque somos responsables de que se forme un bo equipo.

Precisamente detrás da produción de Sirat hai un equipo moi amplo, que mestura o sector independente pero tamén o impulso dunha multinacional potente e outros axentes recoñecidos a nivel nacional como El Deseo...

Sirat foi facer un castelo humano que se construíu xuntando forzas de moita xente. O proxecto naceu e medrou aquí en Galicia, a partir da creación de Filmes da Ermida, a nosa produtor con Oliver, e pouco a pouco fomos creando complicidades para conseguir levantar este proxecto ambicioso. Primeiro xuntamos forzas coa produtor de Agustín e Pedro Almodóvar, con Esther García... despois buscamos unha terceira pata, que foi en Cataluña, con Oriol Maymó e a súa compañía... e este foi a andamiaxe, que parte da produción independente, para conseguir financiamento... tivemos a sorte de que ademais de este tecido, tivemos a Movistar +, que significou un estirón en termos de orzamento, pero non so para nos, tamén para os grandes creadores de España como Alauda ou Sorogoyen, entre outros. Todo isto fai que cheguemos a un público non so nacional... seguimos aumentando salas tanto en Europa como en EEUU... fora as estreas non son como aquí, somos como unha mancha de aceite que vai conquistando pouco a pouco salas.

¿Cal foi o desafío máis grande de facer un filme como Sirat?

Penso que é acompañar de un xeito cómplice as ideas de Oliver Laxe e facelas posibles, contra cousas que están moi asentadas no noso sector... costa abrir camiño, tivemos que modificar moitas lóxicas e automatismos... sobre todo con una persoa como el, que lle da moita verdade o seu cinema... a idea é que adaptamos o cinema á realidade, e non ó revés, que é a tradición da que vimos, desa realidade que crea o cinema a partir dun guion... esta é unha clave moi importante: dotar á ficción de verdade, fuxir da fórmula e ir ó experiencial...

Pero falando en termos máis mundanos... ¿algunha anécdota a compartir?

En canto a titulares un pouco máis ortodoxos, por exemplo, hai unha secuencia na que aparece un tren, que existe, pero que está a 700 quilómetros de onde nos o precisabamos para rodar, entón, con un esforzo económico importante, pechamos un prezo para facer vir o tren... pero esa fin de semana houbo una tormenta de area que tapou todos os raíles... estivemos a piques de perder ese tren ata que a alguén se lle ocorreu que unha cuadrilla de setenta persoas con vasoiras podían varrer eses 700 quilómetros de vía durante tres días para que o tren puidera chegar... este é un exemplo máis de que cada plano trae un agasallo, que ven co esforzo colectivo de todas as persoas que traballaron nel.

¿Cando arrincou a túa traxectoria profesional no mundo artístico?

Eu sempre fun músico dende moi pequeno, tiven moitas bandas indie, pero cando tiña 17 anos, o meu pai animoume a entrar no banco onde el traballaba, fixen unha oposición, e estiven 20 anos en oficinas. Tras este tempo díxenlle ó meu pai que agora tiña que seguir a miña intuición e lanceime ó baleiro, coa fe de que as cousas hai que probalas... custou o seu, pero hoxe principalmente vivo da música. Tamén a produción cada vez quítame máis tempo... gústame contribuír a facer filmes, non importantes, pero si que aporten algo novo, e para conseguir isto dáme igual xuntar notas que xuntar números... teño quizais este perfil de xestión pero tamén creativo.

¿Proxectos actuais? ¿Algo novo no teu horizonte?

Agora mesmo estou facendo a música para unha serie que se chama Ardora, que se está facendo na Coruña, tamén un filme como produtor que se chama Petróleo, que empezamos a rodar recentemente en Colombia... de alí irei directo ós Oscar con Sirat e... ¡primicia!, temos unha serie de cinco capítulos que queremos rodar a final de ano, é unha coprodución con Portugal que se chama Ugeres, o antigo nome que ven a representar o Xurés... é unha serie que ten un emprazamento ourensán, e outro portugués. Son tres liñas temporais, unha actual, outra dos anos 80 e outra de fai 250 anos, desvelamos un pouco o inicio das orixes do Entroido... e descubrimos como somos, como éramos, e como esquecemos quenes fomos hai centos de anos... a min gústame chamalo un thriller etnográfico.

¿Un referente profesional?

Unha persoa que me marcou moito e que me axudou a entender o traballo que estou facendo agora foi Philip Glass, un dos compositores máis importantes do século XX, co que tiven a fortuna de traballar no 2009. Ensinoume a ser humilde, a ter moita complicidade cos directores, e a ser moi honesto.

¿Como te sentes en terras galegas?

A Galicia amarroume algo que non é moi descritible... conectei a un nivel moi profundo, podería describilo nunha sensación de ter perdido a liñaxe e a conexión coa terra, nalgún punto, polo menos eu, que veño do rural catalán... e recuperala aquí nesta terra... non parei ata volver, foi unha intuición... cheguei fai 30 anos por casualidade a Lugo e agora traballo con algúns dos lucenses máis universais... Jorge e Pepe Coira, Oliver Laxe... marabíllame a intelixencia que hai detrás das cousas.

Contenido patrocinado

stats