O festival de Bueu, o Hollywood da curtametraxe
Acolleu xa unha estrea internacional, catro estreas en España e tres en Galicia dentro da Sección Oficial
O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) entra na segunda metade da súa 19ª edición coa Sección Oficial en plena competición e tres novos programas por diante ata este sábado. A selección internacional, formada por 28 curtametraxes distribuídas en seis programas, seguirá traendo a Bueu cineastas e profesionais de distintos países para acompañar os seus traballos e participar nos coloquios co público.
Hoxe, xoves, estarán no festival Alejandro Egido, con Hasta mañana si Dios quiere; o francés Jocelyn Charles, con Dieu est timide; e Hao Zhou, con Correct Me If I'm Wrong. O venres chegarán novas estreas estatais como Signal Path, de Eglė Razumaitė, e The Apple Doesn't Fall…, de Dean Wei. O sábado, a última sesión incluirá a estrea en España de Une Brèche, de Jean-François Leblanc, que estará representada en Bueu polo actor Éric Robidoux, xunto á cineasta portuguesa Alice Guimarães, directora de Porque hoje é sábado.
A competición culminará o sábado 12 de setembro coa entrega de premios da 19ª edición. O Xurado Oficial está integrado pola programadora arxentina Magdalena Arau, o cineasta e programador iraniano Amir Masoud Soheili e o portugués Miguel Dias, fundador e director de Curtas Vila do Conde.
Tras o peche da competición, o FICBUEU continuará ata o 19 de setembro coas seccións Escolas de Cinema Galegas e Internacionais, as propostas procedentes de centros de ensino e a programación infantil e familiar Minific, mantendo a súa aposta pola formación de novos públicos.
Esta recta final chega despois dunhas primeiras xornadas marcadas pola boa resposta do público e pola consolidación de Bueu como espazo de exhibición e encontro arredor da curtametraxe. En total, a edición proxecta este ano 78 películas de 28 países, con 41 estreas en Galicia, 19 estreas en España e dúas estreas internacionais.
O festival abriu con La Jetée, de Chris Marker, como porta de entrada á Retrospectiva dedicada á ciencia ficción e ao novo Caderno FICBUEU, asinado por Irene de Lucas Ramón. A primeira fin de semana acolleu ademais as Xornadas Cinematográficas, centradas nos límites culturais e industriais do cinema, con debates sobre representación, autocensura, industria e homoxeneización cultural, e culminadas coa proxección de Les Rendez-vous d’Anna, de Chantal Akerman.
A competición comezou o domingo con Descubertas, formada por Opera, de Igor Zelić; Merrimundi, de Niles Atallah; Tamashi, de Ashima Shiraishi e Jess X. Snow; e O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova. Ese mesmo día, GZ_00 reuniu cinco propostas do audiovisual galego contemporáneo de Hugo Amoedo Canal, Berio Molina, SOHU, Dani Pérez e Juan Lorenzo Loureiro.
Bueu, de estrea
Nas dúas primeiras xornadas da Sección Oficial, o festival acolleu xa unha estrea internacional, catro estreas en España e tres estreas en Galicia, ademais dos coloquios posteriores ás proxeccións, que permiten o encontro directo entre público e equipos.
A competición arrincou o luns coa estrea internacional de Praia de pedra, de Sofia Bost, e as estreas galegas de Norheimsund, de Ana A. Alpizar; A South Facing Window, de Lkhagvadulam Purev-Ochir; e I Walked Through the Wall, de Pablo Larcuen. A xornada contou coa presenza de Ángel Suanzes, director de Escala un cincuenta mil, e de Paula Massó, actriz cubana protagonista de Norheimsund.
O martes chegaron outras catro estreas en España: Rio Infinito, de Gonçalo Pina; Mango Seed, de Berni Jiang; Unavailable, de Kyrylo Zemlyanyi; e Paradaïz, de Matea Radic. O cineasta ucraíno Kyrylo Zemlyanyi viaxou desde Ucraína para presentar persoalmente Unavailable, unha película atravesada pola guerra e centrada nun mozo voluntario que perde o contacto coa súa nai, atrapada en territorio ocupado. Tamén estiveron en Bueu o portugués Gonçalo Pina e o galego David Fidalgo, director de Lucus.
Este mércores, a dimensión internacional continuou cos cineastas chineses Mushi Cai e Hanxiong Bo. Bo presenta No One Knows I Disappeared, que chega a Galicia tras o seu paso polo Festival de San Sebastián, mentres que Mother and Ulysses, de Cai, se estrea en España. Tamén o fan A Soft Touch, de Heather Young, e Our Land of Enchantment, de Annabelle Amoros.
O Festival Internacional de Cinema de Bueu está organizado pola Asociación FICBUEU e conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte.
Contenido patrocinado
También te puede interesar