Vai de cantigas, bandeiras e o himno como rei

O celtismo, cunha entrada de 20.849 espectadores, gozou e aplaudiu a actuación musical de Fillas de Casandra, manifestouse a prol de Palestina, cantou Oliveira dos Cen Anos e botou cos goles

Publicado: 03 oct 2025 - 09:02 Actualizado: 03 oct 2025 - 09:37
Noite de éxito celeste en Balaídos. | Atlántico

Himno do Centenario, filosofía colectiva. Quedan poucas persoas que non saiban a letra de Oliveira dos Cen Anos, que irrompe antes do encontro cantada de inicio ó fin. É a particular liturxia que onte comezou ás 20:52 minutos e rematou catro minutos despois cunhas bancadas cun aspecto espectacular. Todas as bufandas no alto, as bandeiras ó vento e, nalgúns currunchos, onde están as zonas VIP, o que ondean son os teléfonos para filmar semellante espectáculo previo celeste. Había gañas de Europa League e ese instante foi a máxima expresión sonora no inicio. Soamente comparable co final. Momentos máxicos para os 20.849 espectadores que acudiron no xoves de noite ata o campo. Non foi cheo completo no cuantitativo, si no cualitativo.

Antes, a partir das 20:52 minutos, as Fillas de Casandra, coa colaboración de Mondra, amosaron o seu espectáculo de voz e música tradicional, no que non fallaron as pandeiretas. Cultura e tradición da que tira o Celta, pero que debe mellorar o tema do son para que todo o campo poida gozar do talento porque, por momentos, custaba distinguir as voces. Iso si, cando se escoitou a palabra xenocidio, o aplauso resultou xeral.

Xusto despois, durante uns segundos, escoitouse o primeiro “Palestina vencerá”, que se repetiu en numerosas ocasións, sempre procedente dende bancada de animación. A xuventude marca tendencia. Varias bandeiras estiveron visibles todo o partido e alí polo minuto 19 e uns segundos medraron ata superar a trintena.

Momentos de berros e de cánticos que, co paso dos minutos, foron pouco a pouco a menos e o gol do PAOK marcou o momento máis baixo na animación. Despois, os asubíos ós visitantes cando estiveron máis tempo do previsto na celebración serviron de inflexión para saber o que volver a facer. E, co gol de Aspas, a bancada recuperou a vitalidade porque comezaba a esmorecer de novo. Chegaron os saltos, que se repetiron ó comezo dos segundo acto na diana de Borja Iglesias e a festa continuou ata o final. É a primeira vitoria e tardou. Había que gozala e gozouse.

Co terceiro tanto, a festa non baixou. Celebración constante co son do “Miudiño” primeiro, e, a continuación, coa “Rianxeira”. Todos os que celebraron a clasificación para a Liga Europa estaban esperando o momento da vitoria continental. E tamén botou Balaídos. Moitas bancadas uníronse ós de animación para testar os piares do reformado campo e ata a da nova bancada de gol de tres ringleiras. E, como nos grandes días, os xogadores foron ata o fondo de Marcador para cantar “Celta Vigo” ó son da música.

Antes do encontro, neses actos protocolarios de grandes días, directivas e autoridades públicas, co alcalde de Vigo Abel Caballero á cabeza, realizaron a recepción oficial na sede do Celta co intercambio de agasallos que polo bando céltico foi a pandeireta feita a man polo artesán Miguel Rivas. Eses detalles e compromisos que tamén implican os momentos extraordinarios. Para o Celta o é a Europa League, en todos os factores.

Contenido patrocinado

stats