Sempre hai un nostálxico de Luccin entre a rapazada
Os arredores de Balaídos vivían celtismo, paixón e venda de bocadillos para o partido da noite
A rapazada marca o camiño. Un club sen mocidade nas bancadas carece de futuro e, visto ós arredores de Balaídos un día de partido, o Celta ten garantido o ambiente e os seguidores. Son os que establecen as disferenzas, os que camiñan polos arrabaldes de estadio coa camisola celeste, ou negra ou rosa, ou incluso branca. A maioría, iso si, con Iago Aspas ás costas porque é o heroe de pequenos e tamén de maiores. Unha desas personalidades que traspasan xeracións.
Son os rapaces os que levan moito tempo antes de comezar o partido a cantar e a brincar, a pasear e, ata a ligar, porque tamén hai un pouco de todo como boa xuntanza social. Son os que reciben ó equipo e os que berran, incluso os que tentan facer un acto de pirotecnia que, nun día de sol, ten pouco lucimento pero serve para animar o ambiente.
Tamén hai algún que outro maior no medio desa mocidade que marca o camiño, pero os de mediana idade xa están mais polos arrabaldes da concentración e un pouco máis un día de semana. Que non está o corpo para festas, pero si para levar ó fillo ó fútbol, que sempre é unha boa argumentación para acudir, que é o que desexa o adulto. E aí nesa idade é o momento, de cando en vez, de que asome algunha desas camisolas históricas. Mostovoi segue sendo a máis vista, pero nalgún recuncho resalta a nostalxia cando un dos dorsais pon Luccin. Pura nostalxia doutro tempo, pero na competencia de ídolos poden aparecer algúns inesperados. De feito, algún devoto de Jutglá xa hai. Un optimista, sen dúbida. Damián Rodríguez e Sotelo son algúns dos nomes illados entre a inmensidade xa comentada de Iago Aspas.
É un día de colas na barra do bar, xa que “en día de partido non se atende en terraza”, indica o papel. De alí saen os bocadillos, as empanadillas e as moitas cervexas. De todo tipo, antes de entrar ó campo que, en día da Europa League, ten que ser con tempo porque a seguridade é máxima. Os furgóns da policía multiplícanse e tamén os ‘cacheos’, que son especialmente minuciosos para entrar na bancada de animación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar