Non está o día para o velatorio

O Celta abre e eliminatoria da Liga Europa contra o PAOK no Tumba Estadio coa misión de regresar a Vigo con vida

Iago Aspas apunta a titular hoxe no partido ante o PAOK que se xoga en Salónica.
Iago Aspas apunta a titular hoxe no partido ante o PAOK que se xoga en Salónica. | Celta

Xogar nun campo de nome Tumba Estadio non inspira confianza e, se ademais, o seu ambiente é considerado como un inferno, as confianzas deben ser menores. Pero tamén é certo que o fútbol de calidade, de atrevemento, tamén ten un punto de transgresor, de saber vivir entre as lumaradas sen queimarse. En gran medida, este é o obxectivo do Celta, regresar do ambiente hostil da capital da Macedonia grega con vida para resolver o partido de volta sobre o Lagares, nun Balaídos que non é considerado tanto inferno, pero que ten o seu encanto, o seu aquel, que dirían os vellos.

O certo é que o conxunto vigués mídese a un recente coñecido como é o PAOK Salónica ó que xa gañou no partido da fase de liga alá polo mes de novembro. Pouco ten que ver aquel partido porque era a segunda xornada de oito e a transcendencia do enfrontamento estaba moi lonxe da actual. Agora é unha eliminatoria, onde a marxe xa é escasa, onde os erros, en lugar dunha derrota, poden custar quedar sen torneo. Cada acción ten un peso que non tiña en outubro nun encontro no que o Celta mandou e convenceu ante un rival, todo hai que dicilo, con máis suplentes que titulares en Vigo e no que destacou un Konstantelias que non estará no partido desta tarde por lesión.

Será a principal baixa porque o extremo é un verdadeiro demo en ataque. Tampouco está o dianteiro centro titular Giorgios Giakoumakis nin Kiril Despodov, outro futbolista da liña avanzada. Polo tanto, os perigos do inferno grego baixan de forma notable na parcela futbolística que, ó final, é o máis relevante. O capítulo de baixas locais o completa o centrocampista Meitié. Nomes importantes na parte ofensiva, na que destaca a formación grega. Polo menos, foi a amosada en Balaídos porque alí xerou perigo, con pouco acerto, pero padeceu moitos problemas na retagarda onde foi superado. O ritmo, máis baixo do PAOK, foi unha diferenza clara entre os dous conxuntos.

O que é ven distinto para os dous equipos é o momento. O Celta chega a Salónica tras catro encontros en Primeira sen gañar. Con boas sensacións, con xogo, con oportunidades creadas, pero con resultados pouco favorables, mentes que o seu rival leva cinco encontros sen perder e, anteriormente, caeu ante o Lyon pero superou na casa ó Betis (2-0), o que indica a súa fortaleza no Tumba Estadio. Auténtico camposanto para os visitantes.

Claudio Giráldez perde para este enfrontamento a Hugo Sotelo e Álvaro Núñez -aínda non debutou- por lesión. Aidoo e Cervi foron os descartes na convocatoria. O equipo titular, como é habitual no caso do porriñés, consiste nunha adiviña. En todo caso, espérase a Aspas no envite europeo e tamén a Matías Vecino, de estrea na medular.

Sen sorpresas

Claudio Giráldez non ofreceu sorpresas na convocatoria ante o PAOK Salónica. Franco Cervi e Aidoo quedaron fóra dunha lista na que non hai xogadores do filial e, polo tanto, os mediocentros son Miguel Román, Ilaix, Vecino e Fer López, no seu dobre papel de interior e mediapunta. Haberá cambios no equipo titular, aínda que menos que en ocasíóns anteriores porque o partido xa é chave ó ser de eliminatoria.

Contenido patrocinado

stats