MERCADO DE FICHAJES
La esperanza del estrellato
Ascenso a Segunda División
Fredi Álvarez asomaba onte sereo na sala de prensa da cidade deportiva de Mos. Sabe que esta tarde ten diante o reto máis sobranceiro da súa carreira deportiva e valora moito poder vivilo. “Ha 829 días que collín o Fortuna cunha presión moi grande porque con Claudio se xogaba moi ben. Tiña moito que perder o pouco que gañar”, lembraba o adestrador moañés, que reivindicou o play-off daquel ano e o do presente. “Dicían que o equipo xogaba só”, comentou con algo de pementa para os críticos mentres afondaba na declaración de amor que lle adicou ós seus xogadores en Ponferrada. “E a miña muller e a miña filla”, puntualizou. Pero non quedou aí: “Tentaremos que este namoramento remate en matrimonio”.
Con esta frase tan redonda pode resumirse unha comparecencia de máis de 20 minutos na que Fredi insistiu na “oportunidade histórica” que teñen o seus rapaces, mais tamén remarcou a necesidade de desfrutar dun partido memorable para futbolistas, técnicos e siareiros, que apuntan a encher Balaídos. “Nunca agardei tanto apoio. En Barreiro xogamos diante de 1.500 persoas”, suliñou o adestrador morracense.
Álvarez tamén valorou, como case todo o mundo fai, a madurez deste filial, tan competitivo e capaz de amarrarse ós partidos. “Iso está moi ben, pero coa madurez non nos alcanza”, advertiu, antes de soltar a chave de todo este tinglado, que tantas e tantas veces se esquece: “Hai que xogar ó fútbol”.
Para que iso suceda coma quere o equipo celeste, será importante manter a calma ante unha Ponferradina experta, que xa trabou o partido no Bierzo e que hoxe apunta a facelo aínda máis. “No segundo 2, xa agreden a Óscar (Marcos)”, lembra sobre a primeira acción do partido de ida. “Os nosos dianteiros estiveron todo o rato agarrados polos seus centrais. Foron partidos super difíciles porque sabíamos que tipo de escenario íamos atopar e iso temos que seguir mantendo. Creo que se vai a multiplicar todo iso”, recoñeceu. “Temos que estar concentrados e non trabucarnos”, rematou o técnico do Fortuna, xa listo para facer historia.
É un tópico, mais tamén unha realidade. Unha final coma a de hoxe adoita a resolverse por detalles. Por iso, Fredi Álvarez debe equilibrar a imperiosa necesidade de reducir os erros á mínima expresión coa natureza ofensiva e alegre dos seus xogadores. “É unha das cousas máis difíciles”, recoñecía o morracense. E máis contra unha Ponferradina “que defende e corre ben”. Por iso advirte do “problema” que pode supoñer “non controlar as súas transicións”. Nese sentido, as vixiancias cobran unha importancia capital. “Cando perdes o balón tes que estar preparado para que o equipo rival non te faga dano”, suliña.
Nese senso dos matices entra o factor máis desequilibrante neste fútbol actual tan igualado, tan trabado, tan competido. “Todos entendemos que a importancia do balón parado no fútbol é moitísima”, recoñece. Tamén o será hoxe. A favor -"ter un executor como Hugo (González) é fundamental", destacou- e en contra -"hai que traballar", advertiu-. “Anxo ou Meixús non chegan ó 1.80. Concentración”, analizou Fredi, que desvelou que o Celta contratou o ano pasado a un especialista nesta sorte “que ven puntualmente por aquí” e no presente curso a outro “en saques de banda, que estaba na Premier”. Unhas novidades que se enmarcan nun paso adiante neste eido. “En inferiores no se lle adicaba moito tempo porque non o necesitas. Pero cada vez se lle da máis importancia”, rematou.
A Medhi Nafti non lle sentou ben que os rapaces do Fortuna pasasen un bo rato cos seus siareiros en Ponferrada tralo 0-0 da ida hai sete días. “Os do Atlético de Madrid (B) tamén celebraron”, chegou a dicir na rolda de prensa do Toralín en referencia á eliminatoria anterior, na que o filial colchoeiro firmou o mesmo resultado co do Celta e logo perdeu na casa (0-1) para quedar eliminado.
Preguntado sobre isto, Fredi non quixo entrar en polémicas, mais si que fixo unha apreciación. “A min ensináronme que unha das cousas máis importantes da vida é ser feliz. Ás veces, non se valora iso. Pero desfrutar coa túa afección é ser feliz”, iniciou o morracense a modo de prólogo. “Nós non celebramos nada. Unha cousa é celebrar e outra ben distinta é desfrutar”, insistiu o adestrador do Fortuna.
Nafti volveu falar onte e amosouse confiado nas posibilidades da Ponferradina e desafiante con respecto ó ambiente agardado hoxe en Balaídos. “Lin que pode haber 20.000 espectadores en Balaídos. O que che podo asegurar é que os meus xogadores quererían 30.000”, suliñou o técnico, que pensa que “os futbolistas con experiencia teñen vantaxe nestes partidos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MERCADO DE FICHAJES
La esperanza del estrellato
COLECCIONISMO CELESTE
Recuerdos cosidos por la historia
Lo último