O celtismo mollouse, por fóra e por dentro
Os 1.200 seareiros do equipo vigués gozaron da viaxe e de Stuttgart con outros afeccionados nunha xornada de chovia, cervexa e tristura no resultado
"O ambiente é magnífico. Aquí está todo mollado, tanto por fóra como por dentro", expresa un dos seguidores célticos desprazados en Stuttgart na previa do partido da Europa League entre o equipo alemán e o Celta. Non é para menos, o día está solleiro en Vigo, pero case como para evitar a morriña, no sur de Alemaña chove, chove moito, non deixa de caer auga e os célticos xúntasen pouco a pouco, no ‘Beer Garder de Scholossgarten’, o punto posto como fan zone por estar “parcialmente cuberto”, como indicaba a guía deixada polo club.
E alí hai unhas carpas brancas que pouco despois de comer estaban ateigadas de celtistas. Tamén había un fermoso parque verde ó lado que debería ser para dar algúns paseos, pero quedou para admirar o verde, que podería ser galego, pero é alemán. E, sobre todo, hai cervexa, moita cervexa, como indica o nome do local: ‘xardín cervexa'.
A humidade exterior non para, pero tampouco a interior co avance das horas e os saúdos. É momento para compartir momentos con outros celtistas chegados de Vigo, de diferentes puntos de Galicia, de España ou ata de Europa porque tamén nas horas previas, o club, encabezado pola presidenta Marián Mouriño, realizou un encontro cos integrantes do colectivo celtista Die Himmelblauen, peña alemá do equipo vigués. Un día especial para todos.
Os seguidores viviron un ambiente, co campo cheo, que podería ser de Liga de Campións
Pouco a pouco, co paso dos minutos, a tarde no particular xardín da cervexa pasou cara ás inmediacións do Mercedes Benz Arena. Igual algún que outro afeccionado utilizou un vehículo desta marca para achegarse ó campo, pero o normal foi facelo en transporte público tratando de evitar a molladura, aínda que pouco importa cando o corpo vai quente e cando está a ilusión de ver ó Celta xogar en Europa. “Imos ensinarlle a Oliveira dos Cen Anos ós alemáns", proclamaba outro celtista unhas horas antes do encontro. O himno do Centenario, xa canción popular para a afección do equipo, é un elemento de unión, de espallar o amor pola entidade e reafirmar ós propios. Todo básico para unha afección que sabe gozar.
No Mercedez Benz Arena o curruncho de seguidores celestes estaba ateigado, pero así estaba todo o recinto deportivo. Cada imaxe, cada cántico, cada celebración, era de auténtico fútbol de gran nivel, de partido de Europa e ata de Liga de Campións. Unha auténtica beleza era observar ese aspecto visual en todo o campo e, por suposto, no curruncho dos 1.200 seguidores do Celta. A noite resultou de moito padecemento, pero non fallaron as cervexas, tamén no campo. E, para a cea, nada mellor que unha currywurst antes de entrar no campo. Se alguén non o sabe, son eses cachorros quentes de tamaño dun mastín.
Ó final, a opción de Bryan Zaragoza levou as mans á cabeza de xeito xeral. Pero todo rematou con aplausos ó equipo e, nas bancadas, algúns seguidores quedando para a seguinte aventura europea, que virá pronto. Chegarán noites de gozar a viaxe céltica con unha vitoria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Oviedo 0 - 0 Celta
Directo | El partido entre Oviedo y Celta, minuto a minuto
Celta - Real Oviedo
Giráldez admite “corregir” la plantilla en enero
Fútbol | Primera Federación
Duelo de juventud al alza en Balaídos