Valencia 1 - 0 Celta
Directo | El partido entre Valencia y Celta, minuto a minuto
Grasshopper-Celta
A pretempada é para facer probas, para encadear partidos, algúns adestramentos con público e outros de pura intensidade. O de onte, ante o Grasshopper, podería meterse no primeiro grupo por varios motivos entre os que están que ambos conxuntos xogaron o pasado sábado, o equipo local un encontro de liga e o céltico un a dous tempos de 60 minutos contra o Stuttgart. Polo tanto, non era un día para unha grande intensidade, pero Hugo Álvarez tiña outra idea e atopou o escenario ideal para prender a moto, a súa carreira con e sen balón. O punto determinante e que chegou nos primeiros minutos de partido, despois chegou moito tempo que non pasará á historia do balompé, nin sequera do xogado no estío.
Apostou Claudio Giráldez por un 4-3-3 claro e que parece ser un debuxo a considerar en moitos partidos da presente tempada e que tivo a Damián Rodríguez de pivote con Ilaix Moriba e Hugo Sotelo na construción. Unha aposta con arrecendo a fútbol ofensivo, de moita posesión e, tamén é preciso mencionar, a ter padecementos se a pelota está no contrario. Por sorte, onte a calidade do rival non era o mellor baremo para calibrar esa debilidade e, por contra, apareceron as fortalezas na velocidade, ó espazo.
Tentou o equipo de Zúrich ter unha presión alta sobre a saída de presión do Celta. Por momentos, ata resultou efectiva, pero o inconveniente é que, en caso de errar, hai moitos metros a defender e o combinado suízo amosou que carecía de capacidade para defendelos. Así, na primeira ocasión na que Hugo Álvarez atopou o espazo presentouse na beira da área rival. Cedeu ó medio e, cando a xogada parecía trabarse, Ilaix Moriba -como mediocentro chegador- sacou un puntapé que rematou no fondo da rede local ante un Justin Hammel que podería ter feito máis, pero o balón entrou.
O segundo tempo estivo marcado polo mando céltico e moitos minutos sen ocasións
O reloxo sinalaba o minuto oito de partido e, cinco despois, chegaría o segundo cunha xogada moi similar, aínda que máis clara. Unha disputa en campo propio rematou en pés célticos e chegou o esférico ó espazo cara a Hugo Álvarez. O seguinte foi o ourensán na área para escoller a quen darlle o balón. Enviou a Jutglá e este descargou ó primeiro toque para facer boa a superioridade numérica da transición. Aproveitouno Jones para enviar o esférico ó fondo da rede cun remate sen oposición que non foi o mellor do mundo, pero que rematou no interior da portería rival, que é o importante.
Ía polo cuarto de hora de partido e a vitoria xa estaba decidida. Se os partidos de pretempada acostuman a ter un ritmo baixo e a que non pasen demasiadas cousas, a situación esaxérase se está resolto ó pouco de comezar. Case sen querer, o Celta deu un paso atrás ou o Grasshopper, algo máis entoado, comezou a roubar máis balóns nesa presión alta que trataba de facer, pero que non sempre resultou. O certo é que tivo opcións de gol, especialmente nunha falta lateral que foi o longueiro tras o correspondente remate de cabeza, pero tamén é verdade que amosou unha preocupante falta de calidade. A defensa celeste, pese a chegar o seu rival en moitas ocasións á beira da área, parou os intentos con certa facilidade mentres que os remates do opoñente carecían da precisión necesaria como para crear perigo.
Así pasaron os minutos cun Celta que foi perdendo o balón ata o descanso e que non volveu a atopar a Hugo Álvarez. Por contra, si apareceu Jones que anotou o segundo e protagonizou unha boa contra que ía camiño do terceiro pero errou no pase. Cousas desas que cómpre afinar para ser unha verdadeira alternativa na banda dereita dun Celta porque todo indica que será unha variante ante o descarte dunha fichaxe nesa parte do campo.
Como nota negativa quedou a lesión de Javi Rodríguez que chocou contra Yoel Lago cando o seu compañeiro desbaratou con contundencia e o borde da pena máxima unha das ocasións do equipo local. Chegou ó balón e, despois, ó seu compañeiro que onte exerceu de lateral.
Os minutos previos ó descanso estiveron marcados polos intentos, sen sorte nin calidade, do Grasshopper por intentar igualar o partido mentres o Celta defendía máis baixo do habitual, pero con acerto. O intermedio serviu para facer as modificacións e para regresar a defensa de cinco ou de tres centrais e dous carrileiros, que gusta chamar a Claudio Giráldez. Prefiren falar do 3-4-3 antes que o 5-2-3, pero máis ou menos dá o mesmo. É o debuxo máis habitual do equipo vigués baixo o mando do porriñés e saltou ó campo no segundo tempo para facerse co control absoluto do xogo. Limitouse certa endeblez na contención da medular e pasaron os minutos entre trocos, escasas chegadas e practicamente ningunha ocasión. Iso si, aproveitou Pablo Durán para enviar ó fondo da rede un pase longo polo centro tras roubo polo círculo central e que pillou descolgado a un dos centrais. Directamente, poderíase dicir que estaba ‘ás verzas’. O tomiñés encarou e enviou ó fondo da rede.
Grasshopper:
Hammel, Abels, Hassane, Plange, Muci, Asp Jansen, Mantini, Stroscio, Marques, Bettkober e Paloschi. Tamén xogaron Glaus, Dettoni, Diarrassouba, Veron, Arigoni, Giandomenico, Tesfom, Krasniqi, Darwich, Bengono e Ndiaye.
Celta:
Radu; Javi Rodríguez (Mingueza, min 31), Yoel Lago, Marcos Alonso; Jones, Sotelo, Damián Rodríguez, Ilaix Moriba, Ristic; Hugo Álvarez e Jutglà. Tras o descanso entraron Marc Vidal, Javi Rueda, Manu Fernández, Starfelt e Pablo Durán. No 63: Beltrán, Aspas, Hugo González e Miguel Román. No 74, Carreira.
Goles:
0-1, min 8: Ilaix Moriba. 0-2, min 12: Jones. 0-3, min 54: Pablo Durán.
Árbitro:
Sandro Scharer.
Incidencias:
Partido amigable xogado na cidade deportiva do Grasshopper en Zúrich.
Contenido patrocinado
También te puede interesar