Ana Peleteiro destaca a repercusión na mocidade da aposta do Celta polo galego: "Faime moita ilusión"

A deportista considera importante que a xente perda a vergoña a falar en galego e destaca a campaña do equipo vigués que contribúe a que "esteamos orgullosos das nosas raíces"

Publicado: 19 oct 2025 - 20:59 Actualizado: 21 oct 2025 - 10:22

Ana Peleteiro.
Ana Peleteiro. | TikTok

Ana Peleteiro está moi activa en redes sociais e o seu último vídeo viral en TikTok é unha reflexión sobre o uso do galego. En concreto, a deportista de Ribeira sinala que percibe un cambio e que a mocidade "está falando máis galego".

Contando a súa propia experiencia, recoñoce que é galegofalante desde pequena pero que cando saía do seu entorno familiar escoitaba a xente falar máis en castelán e iso xeráballe un complexo, pero a situación mudou. "Estou notando que tanto eu como outra moita xente está usando o galego como primeira lingua todo o rato e a min persoalmente faime moita ilusión", recoñece. No vídeoque acumula máis de 100.000 reproduccións, tamén confesa que adoita mezclar o castelán e o galego cando fala.

Sobre os motivos de este cambio, considera que a xente está perdendo a vergoña. Ademais, apunta que non hai unha causa clara pero considera que favorece moito a aposta do Celta polo galego, por exemplo no caso do himno e da comunicación a través de redes sociais. "O Celta está facendo unha campaña de marketing para o galego, para o uso da nosa lingua e para que esteamos orgullosos das nosas raíces espectacular", sinala, engadindo que é algo no que coinciden tamén amizades coas que falou da cuestión.

A ilusión de Peleteiro por esta nova situación do galego está relacionada coa crianza da súa filla Lúa. "O feito de estar preocupada por que a miña filla adquira ese amor pola súa lingua, que é o galego, e que non sinta vergonza de falalo é moi importante", recoñece. A deportista remata o vídeo pedindo a opinión dos seus seguidores para saber se é algo xeralizado o que está máis concentrado na súa zona.

Contenido patrocinado

stats