Nin patriarcado, nin matriarcado

Publicado: 06 dic 2025 - 01:20

Opinión.
Opinión. | Atlántico

Dous conceptos que se vén utilizando na historia para saber quen manda nun país, nun grupo social, relixioso; ou na mesma casa.

O patriarcado é o predominio da autoridade que exerce un varón nun grupo de persoas ou sociedade. Exerce o patriarcado tamén o bispo de certas igrexas ortodoxas ou os fundadores dunha orde relixiosa. É pois unha organización social cuxa autoridade e poder está no varón con maior autoridade da familia ou grupo social, chamado patriarca. É o dominio masculino que impón unha distribución desigual dos dereitos entre homes e mulleres.

O matriarcado se entende nas sociedades onde un grupo de mulleres ten nas súas mans o poder político, económico ou relixioso. A existencia de comunidades deste tipo na historia da humanidade foi e segue sendo moi controvertida. En total considéranse unhas cinco culturas deste tipo no mundo.

Na nosa Galicia hai un mito sobre un falso matriarcado. Con frecuencia son mulleres rurais que a sociedade cocédelle o título de “mandan na casa”. O coidado dos maiores, persoas dependentes e fillos están ó carga das mulleres en máis do 80 por cento. Ademais en moitos casos fan labores agrícolas e tamén o coidado dos animais. Non falemos do que pasou e está a pasar coa emigración, cando se quedan soas na casa con todas esas cargas. Iso, máis que mando, foi e é unha escravitude. Os que nacemos no rural sabemos o sacrificio e o valor que sempre tiveron as nosas nais e as mulleres galegas en xeral.

O mito do matriarcado galego tapa que os homes só coiden dos fillos o 20 por cento dos casos. Polo que o patriarcado segue imperando con forza. A pesar dos movementos feministas e as políticas en defensa da muller, aínda queda moito camiño que andar na busca da igualdade. Penso que o camiño é o da educación. Desde que nacemos temos que ser educados no respecto á persoa, en tódalas diferencias do seu ser; coidando sempre a liberdade de cada quen.

Castor Rodríguez (O Rosal)

Contenido patrocinado

stats