Cartas al director

OS NOMES DO TRABALLO

Escoito a radio mentres lavo a louza no confinamento. E algo chama a miña atención. 
Oio os nomes do traballo, eses nomes que non adoitan chegar aos grandes medios. Coidadora de Anciáns, Médico, Dependenta de Supermercado, Xornaleira do Campo, Mariñeiro...
Non se fala do traballo, máis que en ocasión de catástrofes. O latexar do mundo depende de nós, pero o silencio converte este feito nun sobreentendido irrelevante. Si, a clase obreira carece de visibilidade. 
Non se nomea o traballador, nin apenas o seu oficio. So o "cidadan", ese ser abstracto que tanto pode ser primeiro accionista dun banco como parado de longa duracion sometido a desafiuzamento. 
Só no caso de que rebente un petroleiro ou se espalle unha pandemia, (é dicir, cando a cousa vai moi mal), as voces destacadas e os seus mesquiños resoadores hónrannos co seu eco.
O medo puntual a unha nova calamidade, o medo á cólera afogada que esa calamidade pode facer estoupar fai que se nos nomee, eloxiosamente, cos mil nomes do traballo. 
Ese medo concreto, inmediato, despraza puntualmente o medo de fondo: o que vive do traballo alleo teme que nos deamos de conta de ata qué punto non o necesitamos. 
Teme que reparemos asombrados en todo o que nos leva roubado legalmente, como patrón, nos últimos 200 anos, axudándose xa sexa coa porra, xa coa chantaxe ou a bala, xa coa palabra bonita.
O traballo dá a vida, mentres os amos de todo constituen unha pedra fea e suxa no camiño. O pasado 28 de marzo de 2020, mentres os máis, os de sempre, daban vida, (moitos morrendo no intento), os e as representantes da burguesía europea regateaban da maneira máis zafia, aferrados cada un á súa chequeira.
Mentres os que non temos casi nada o compartimos todo, os que o teñen todo gruñen mirándose uns aos outros de esguello.  
Non necesitamos eses esperpentos.
Os nomes do traballo, en cambio, nomean unha clase social, a clase traballadora, imprescindible para que a vida continúe. Por iso, aínda que se faga estrano, é fermoso sentir eses nomes na radio, mesmo se ten que vir unha pandemia para que aconteza.