o ébola dos cursos celga

Publicado: 08 nov 2014 - 02:13 Actualizado: 08 nov 2014 - 02:13

Tratábase dun sistema enfermo desde o seu nacemento. A infección estendíase por todo el e non era posíbel atallala con ningunha menciña nin con ningún fármaco de laboratorio agás erradicala dunha vez. Deixámonos levar e conformámonos con ir poñendo paliativos a un mal que non tiña cura. Tiñamos que tomar as medidas precisas había moito tempo, pero non foramos capaces de intervir ata que algúns tiveron o valor suficiente de facelo. Grazas, compañeiros, por erguer a voz no nome do colectivo e frear o virus que se estendeu durante uns trinta anos aproximadamente.

Despois de sufrir as listaxes opacas, a desigualdade na impartición dos cursos e de ter que calar e estar agradecida/o se chegaban algunha vez ao teu número –para a casta gobernante non somos persoas, somos simples números–, é hora de que se comece a facer algo de xustiza, de que se empece a limpar este sistema corrupto e noxento que non pode ter cabida nunha sociedade moderna e xusta e de que, por fin, algunhas/ns xuízas/ces teñan o valor de pronunciarse no noso favor e de recoñecernos o que nos corresponde.

Durante moito tempo, fóronnos facendo interiorizar que non tiñamos dereito a un contrato laboral, que non podiamos poñernos enfermas/os porque non tiñamos unha seguridade social que nos amparase como toda persoa traballadora, que tiñamos que seguir as súas directrices en todo (lugar, duración, medios, programa, etc.) e que non podiamos protestar nin rebelarnos porque non había saída ou esta sería peor, como demostraron posteriormente prescindindo de nós. Non estou a falar dunha seita, estou describindo o que a Xunta de Galicia, concretamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, mediante os diferentes gabinetes provinciais, nos estaba a facer ao "Profesorado Colaborador" que impartiamos cursos Celga, pero tamén de linguaxe administrativa e xurídica.

Unha vez máis, e van dezanove, debemos estar de celebración porque pinga a pinga, sentenza a sentenza e persoa a persoa imos conseguindo acadar a nosa meta, que non é máis có noso recoñecemento laboral, o recoñecemento dos dereitos máis elementais de calquera persoa que traballe para un ente público ou privado e que en pleno século XXI a Xunta de Galicia se negou a respectar.

Contenido patrocinado

stats