Xornal escolar

Educación reformará centros en todas las provincias

A consellería continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios.
photo_camera A consellería continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios.

En xeral levarase a cabo unha reforma integral que abrangue actuacións específicas en cubertas, fachadas, carpinterías e luminarias, entre outras. Desde 2016 a consellería realizou intervencións deste tipo en 29 centros.
 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de licitar por un importe de 4.828.170 de euros as obras de rehabilitación integral completa -enerxética e funcional- que levará a cabo en oito centros escolares de Galicia a razón de dous por provincia. Os centros obxecto desta actuación son o CEIP A Ramallosa (Teo), o CEIP Felipe de Castro (Noia), o CPI Ramón Piñeiro (Láncara), o CEIP Luís Pimentel (Lugo), o CPI Terras de Maside (Maside), o CIFP Portovello (Ourense), o CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e o CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa). Unha vez completados todos os trámites administrativos, a Consellería traballa coa previsión de que as obras -cun prazo máximo de execución de 2,5 meses- se leven a cabo durante o período estival aproveitando as vacacións de verán e coa finalidade de que estean rematadas ao inicio do curso 2019-20. Todas as actuacións están cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.


Por provincias
Na provincia da Coruña a obra de reforma do CEIP A Ramallosa (Teo) foi licitada por un importe de 714.642 euros, mentres que o CEIP Felipe de Castro (Noia) licitouse por 677.032 euros. En Lugo a Consellería acaba de licitar a obra de rehabilitación do CPI Ramón Piñeiro (Láncara) por un importe de 676.652 euros, e do CEIP Luís Pimentel (Lugo) por 543.096 euros. En Ourense, o CPI Terras de Maside (Maside) foi licitado por 500.00 euros e o CIFP Portovello (Ourense) por 521.949 euros.


Por último, en Pontevedra Educación licitou o CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) por 578.087 euros e o CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa) por 616.710 euros.


En xeral os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) dos centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos). Estas intervencións buscan un aforro enerxético - e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. De feito, as actuacións realizadas entre 2016 e 2018 supoñen un aforro en termos enerxéticos de 6,5 millóns de kw/hora anuais. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio
ambiente.


Balance 2016-2018
Deste xeito a Consellería continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios; unha acción que se enmarca no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros ata 2020.


Desde que se puxo en marcha esta acción a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética.

Te puede interesar