Os Xerais cumpren 40 anos de diversidade literaria

Leticia Barbadillo, María Reimóndez e Pedro Feijoo, cos seus galardóns.
photo_camera Leticia Barbadillo, María Reimóndez e Pedro Feijoo, cos seus galardóns.
A editora Xerais entregou p Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil

A editora Xerais celebrou onte a súa festa anual de entrega do Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Este ano os galardóns foron para a obra “Ninguén contará a verdade”, de Pedro Feijoo; a novela xuvenil “Furia”, de María Reimóndez, e a obra infantil “A botella de lentellas”, de Leticia Barbadillo.

O acto, presentado pola xornalista Susana Pedreira, celebrouse no Parador de Baiona para conmemorar as corenta edicións do Premio Xerais de Novela. Deste xeito, Xerais volve a un dos lugares que acolleu algunhas das primeiras edicións da festa. O director da editorial, Fran Alonso, recordou a diversidade de obras que compoñen o palmarés do Premio Xerais de Novela, que é o “espello dunha narrativa plural, rica e vital”. Neles valóranse dende a novela negra, as obras íntimas ou o thriller. 

Pedro Feijoo recolleu o premio agradecendo o contacto co público. “Unha das cousas bonitas do Xerais é que sempre buscou un diálogo co lector, que sabiamos que estaba ao outro lado’, indicou. 

Pola súa parte, María Reimóndez confesou que “escribir este libro foi como levar un golpe no fígado”, e agradeceu o conforto que supón saber que “hai alguén na esquina do ring”. A novelista infantil Leticia Barbadillo foi premiada na súa primeira novela como escritora, centrando o seu discurso en agradecer as persoas que a axudaron e a inspiraron no proceso de escrita e dedicou o premio a algunhas das mestras que tivo ao longo dos anos.

Te puede interesar