Feijoo, Reimóndez e Barbadillo gañan os Premios Xerais
Os relatos galardonados foran “Ninguén contará a verdade” (Premio Xerais de Novela), “Furia” (Premio Jules Verne) e “A botella de lentellas” (Premio Merlín)
As tres categorías dos Premios Xerais, galardonada cada unha con 10.000 euros, xa teñen propietario. “Ninguén contará a verdade”, do viguésPedro Feijoo(Vigo, 1975) fíxose co de Novela; “Furia”, de María Reimóndez (Lugo, 1975) fixo o propio co Jules Verne adicado á literatura xuvenil e unha debutante Leticia Barbadillo (Coruña, 1983) obtivo o Merlín de literatura infantil con “A botella das lentellas”.
As primeiras reaccións por parte dos protagonistas non se fixeron agardar. A través das redes sociais, Reimóndez explicou como de especial é “Furia” para ela. “Sono todas as novelas, pero esta é un chisco diferente; escribina para acoller ás que, por desgraza máis nova ca miña, perden as súas mais, para falar da perda e dos encontros, para falar da miña paixón polo boxeo, para falar de Vigo, de Rianxo, de Lugo, para falar do afecto e das vidas nas marxes”. Mais Reimóndez recoñece que sobre todo a xustifica “poder falar e seguir sentindo presente a miña mai que hoxe non estará comigo xa, mais que está en cada palabra que escribo, en cada cousa que me fai feliz e en cada alegría”. Con esta mensaxe a escritora agradeceu ao xurado por “escoitar esta voz furiosa”.
“Furia” impúxose as 28 obras que se presentaron á categoría, en palabras do xurado, “pola forza do argumento, o manexo da lingua e o carisma dos personaxes”. Considera que “a historia transmite uns valores moi positivos de superación e sacrificio”.
Barbadillo baseou a súa historia “A botella das lentellas” nun relato escrito para o 90 aniversario da súa avoa. Recoñece no seu muro de Facebook o seu abraio porque “hoxe hai por aí xente que di que é unha novela, unha novela premiada e que vai ser publicada”. Confesa que aínda que lle fai feliz “ata límites insospeitados, aínda non me entra na cabeza”. Para o xurado é merecedora do Premio Merlín sobre as outras 22 obras porque “é orixinal, está narrada cun estilo preciso e cun notable dominio léxico”. Destacan que a través dos relatos “unen tres xeracións dunha mesma familia; é unha singular e fermosa defensa do valor da ficción e do poder cativador dos contos”.
Feijóo foi o máis contido nun primeiro momento. Amais de dar os parabéns aos súas compañeiras de galardóns, declarou estar “moi feliz de corazón”, agradecéndollo a “quen o fixestes posible”, escribíu.
A súa novela competíu con 35 orixinais, mais o xurado escolleu “Ninguén contará a verdade” por ser un texto “de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias” e valoran “o gran traballo de investigación do autor”, onde os lectores “poden atopar referentes reais”. Destacan “diálogos sen fisuras, ritmo áxil ou meticulosas descripcións”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último