ELECCIONES 12-J

Pontón chama á mobilización masiva nas urnas a prol do BNG

Ana Pontón con Luis Bará e a alcaldesa Sandra González, onte no mitin que deu en Tomiño.
photo_camera Ana Pontón con Luis Bará e a alcaldesa Sandra González, onte no mitin que deu en Tomiño.
A candidata á Presidencia defendeu un cambio cunha presidenta ao fronte da Xunta
A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, fixo desde Tomiño un chamamento á mobilización masiva nas urnas o 12X e unha apelación a concentrar no BNG todo o voto da maioría social que quere un cambio real, un cambio galego para facer posible a derrota do PP e dar paso a un tempo novo en Galicia.
Para conseguilo, “hai que encher as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou, porque só hai dúas opcións sobre a mesa: “ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG”.
Poñendo Tomiño como “exemplo” do que o Bloque é capaz de facer onde goberna, da capacidade contrastada para transformar en positivo á vida das persoas, de poñer en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social, Pontón convidou a trasladar ao conxunto de Galicia ese “bo facer” dos gobernos municipais do BNG.
A candidata á Presidencia destacou que “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, cada vez somo máis as que queremos superar esta Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e toda esa xente mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.
“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que se vai facer valer, que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo dan man dun Goberno presidido polo BNG cunha muller á fronte”, proclamou Pontón.
O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a súa intervención para comprometerse a que o BNG se porá á fronte da cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal, territorio que cualificou como unha “plataforma para impulsar Galiza de cara á lusofonía”. Destacou que é preciso considerar prioritaria a relación co país veciño e insistiu na necesidade de mellorar infraestruturas, nomeadamente “da saída sur na estación de Vigo e dun tren Vigo-Porto do século XXI, moderno e seguro é fundamental”, dixo.

Te puede interesar