A escritora viguesa Ledicia Costas, homenaxeada pola súa difusión do galego

Día das Escritoras

Será a protagonista do acto da Xunta polo Día das Escritoras que se celebrará o xoves 17 de outubro

Ledicia Costas.
Ledicia Costas.

Ledicia Costas vai ser a protagonista do acto polo Día das Escritoras co que a Xunta rende homenaxe a autoras galegas. No caso da viguesa destacan a "súa difusión da lingua e literaturas galegas dentro e fóra de Galicia".

Segundo explican nun comunicado, o vindeiro xoves día 17 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá un acto aberto ao público no que para acudir haberá que inscribirse na dirección electrónica eventos.cultura@xunta.gal

A homenaxe centrarase nunha conversa entre Ledicia Costas e María Solar, Premio Xerais de Novela en 2022, que servirá para profundar na ampla e variada obra da autora, e que permitirá tamén coñecer máis as súas creacións e o seu proceso de escritura.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove este acto para pór en valor "a calidade e prestixio desta autora, en particular, e das escritoras galegas, en xeral".

Así o reflicte, apuntan, o feito de que no último lustro cinco delas fosen distinguidas con Premios Nacionais con obras escritas en galego: Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés e Marilar Aleixandre.

Nesta ocasión, reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas, o que a converte nunha prestixiosa difusora da creación e da cultura galegas en Galicia e en resto do mundo".

Precisamente por isto foi recoñecida polo Goberno galego en 2023 cunha das Medallas Castelao, que distinguen aos galegos polas súas contribucións singulares e "por levar o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras".

Contenido patrocinado

stats