Eduardo A. Blanco, testemuña da idade dourada dos ourives

Rafael Ojea, da EMao; o alcalde Abel Caballero e Eduardo A. Blanco.
photo_camera Rafael Ojea, da EMao; o alcalde Abel Caballero e Eduardo A. Blanco.

A mostra “Eduardo A. Blanco e a ourivería na EMao”, comisariada por Federico Fernández, mestre de Debuxo, recolle toda a historia viguesa dun gremio que dende os seus inicios na contorna de Elduayen a finais do século XIX, chegou a acadar gran relevancia e que ao igual que a maioría dos oficios na cidade, xurdíu en torno á Artes e Oficios. “A través das obras de Eduardo queremos amosar o seu amplo traballo nas distintas disciplinas que cultiva e, con el, a excelencia e calidade acadada no labor docente de Artes e Oficios, ofrecendo aos visitantes as múltiples formas, técnicas e materiais implicados nesta arte”.

Inaugurada no espazo expositivo da escola, homenaxea e recupera a memoria dos pioneiros como Manuel Reboreda, dende Elduayen; Marcuño, Perfecto Marcos Romero, en Porta do Sol; os irmáns Hernández, en Porta do Sol ou Ángel Iglesias González, na rúa Marqués de Valladares; Enrique Pérez López, que dende Porta do Sol, chegou a ser xoieiro da Casa Real ou Ramón Fernández Barreiro, que abríu en 1910 obradoiro en Praza de Villavicencio para trasladalo á Príncipe sete anos despois, onde pervive como un dos negocios máis antigos da cidade.

CHEGADA DE MAREQUE

En 1946 a Ourivería chegou a Artes e Oficios da man de Ángel Mareque,  quen tiñe o estudo nos baixos do Hotel Moderno. O seu discípulo Eduardo A. Blanco tomou o relevo en 1974 como mestre da escola ata a súa xubilación en 2015. O seu legado nas aulas continúa con Sandra de Jesús. “É un oficio que está a desaparecer e hai que o por en valor, esta exposición fala de onde empezou a xoeiría e a ourivería en Vigo e conta quen foron os seus mestres, moitos deles pasaron por este escola; o Vigo burgués de entre séculos precisaba este tipo de oficio”, comentou Blanco, para quen Artes e Oficios é un recordatorio do labor de todos eles. “Formáronse aquí coa participación da industria, a escola é un museo didáctico que non sempre atopou comprensión”.

Pese a situación actual, para Blanco o seu é un oficio que ten saída, “estase a perder, pero tería futuro se a empresa botara man dos alumnos con talento para realizar pezas para logo poder comercializar, porque os ourives vigueses somos moi bos, pero só nos dan importancia cando saímos fóra”. Amosa exemplos do seu traballo realizados a cincel e martelo, pezas en relevo para bronce, debuxos para vidrieiras, vasos ornamentais ou brazaletes. “Unha das obras é unha peza a modelar catro figuras levantando o globo terráqueo, que aínda me queda por facer”, apunta Blanco con ánimo a seguir co seu traballo.

Te puede interesar