Carmela Silva despídese da Deputación como chegou, “con mulleres”

No seu último acto, os premios “Hai unha voz”, distiguiron as escritoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas

Publicado: 24 jun 2023 - 05:15
Carmela Silva, no seu último acto como presidenta da Deputación, os premios “Hai unha voz” en Vigo.
Carmela Silva, no seu último acto como presidenta da Deputación, os premios “Hai unha voz” en Vigo.

Carmela Silva afrontou onte a súa última intervención como presidenta provincial. Fíxoo na entrega de premios “Hai unha voz”, promovidos pola Deputación e a asociación Clásicas e Modernas para recoñecer a pegada das mulleres neste ámbito, que este ano recaeron en Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas.

Silva destacou que quixo despedirse rodeada de mulleres, ao igual que o primeiro día do seu mandato no 2015: “Entón, en Pontevedra, ilusionada e coa claridade do camiño que queriamos escoller, quixen deixar claro que o irrenunciable compromiso coas políticas de igualdade ía ser un dos sinais de identidade deste goberno que agora cesa; oito anos despois remato do mesmo xeito que empecei”. Recoñeceu que sempre quixo rodearse de mulleres, “particularmente das mulleres da literatura e da cultura que teñen tanto poder para cambiar o mundo; pero se algo tiñamos claro tamén é que, ao igual que en tantos outros ámbitos, as mulleres tampouco ocupamos neste eido o lugar que nos corresponde, tras toda unha

historia de silencio e de renuncias”.

Así, destacou que o Manifesto de Soutomaior, do que xorden estes premios, “era unha débeda que tiñamos con esas mulleres silenciadas na literatura”. Subliñou que “este inmenso traballo merece ser recoñecido e posto en valor”. Afirmou que hai moitas mulleres en tódolos sectores “soamente precisamos ver con outra mirada, lila, necesaria, fundamental, para poder crear un mundo xusto e democrático”.

Visiblemente emocionada, Silva agradeceu o apoio “e a vosa complicidade na rede de afectos e traballo conxunto que fomos entre todas capaces de tecer” e concluíu sinalando que “quedan moitos capítulos por escribir, pero a igualdade é o mellor título que podiamos escoller”.

O acto arrancou coa lectura dun poema de Luz Pozo Garza a cargo de Silvia Penas, quen xunto ás súas compañeiras presentadoras incidiu na “vitoria de que estes premios existan, porque colocan a nosa atención no traballo inxente e incalculable que tantas mulleres realizan ao longo das súas vidas; mulleres que con esforzo, intelixencia e dedicación lanzan unha faísca para que prenda nas nosas mentes e o milagre da literatura aconteza”. O acto foi retransmitido por streaming e conducido polas escritoras do proxecto “Literarias” Mariana Carballal, Isabel Blanco, e Silvia Penas, e onde sonou tamén con forza a voz da cantante Guadi Galego.

Penas, Carballal e Blanco lembraron as doce decisións do Manifesto de Soutomaior e as distintas actuacións derivadas deste compromiso coa literatura, amais dos premios, entre elas o libro colectivo “Ti non sabes o que é ser escritora”.

A primeira en recibir o galardón, dotado con 5.000 euros, foi Marilar Aleixandre, quen quixo agradecer “este premio a unha escrita sobre a violencia social, que é a miña e tamén a de Rexina e Esther”. Carrodeguas lamentouse de que a escritura se faga no tempo libre: “Non podemos como pobo permitir que a cultura que nos constitúe se redacte no tempo que nos sobra”. O xurado tamén premiou o labor desenvolvido por Rexina Vega como escritora, profesora e investigadora.

Contenido patrocinado

stats