Budiño, gaiteiro, presenta novo disco 'Branca Vela'

Budiño: "Sempre quixen compoñer e ter ben postos os pés na terra coa música de raíz"

Budiño visitou onte o set de Atlántico TV.
photo_camera Budiño visitou onte o set de Atlántico TV.

Budiño visitou o set de Atlántico TV para  presentar o seu último disco “Branca vela”, que sairá ao mercado a mediados do mes que ven.

 

 

Xa o octavo disco e volve a compaxinar a gaita co canto.

“Branca Vela” é o meu octavo disco e o segundo no que decidín empezar a cantar, o primeiro foi hai catro anos con “Fulgor”. Quería poder expresarme con outro instrumento e estou encantado.

É complicado levar o peso do tema como vogalista amais de como gaiteiro?

A gaita xa forma parte de min, é como conducir, que non se pensa como se leva a situación, eu practicamente nacín coa gaita. Pero por outro lado, apetecíame traballar coa voz e gustoume. 

Neste disco conta con colaboracións moi especiais. Que criterio seguiu para asignar os temas aos seus convidados?

Basicamente por whatsapp, ás veces a cousa vai así. Abordei este disco como o reto de facer todo a música, a letra e a interpretación eu só, sen contar con ninguén, pero ao final do proceso decateime que debía afrontalo con amigos, con xente que admiro. Falei con Guadi, logo atopei un texto de Manuel Rivas e pensei que tiña que incorporalo. O mesmo pasou con Leilía ou con De Vacas. Hai algunha colaboración máis, pero prefiro que sexa unha sorpresa.

Interpreta composicións súas, contemporáneas, pero con influencia da música de raíz. Como atopa ese equilibrio entre o novo e o tradicional?

É co que busquei facer nestes últimos discos. Tiña claro que quería compoñer e aínda que non toco música tradicional, mameina, veño dese mundo. Sempre tiven gana de compoñer e ter ben postos os pés na terra coa música de raíz.

Ten entón futuro a música tradicional?

Sempre estivo moi  viva, así a recordo xa de moito pequeno. É importante sobre todo nos cambios xeracionais que haxa nenos con inquedanzas pola música e vexan xente nova enriba do escenario para manter esa enerxía. Dende que comecei nótoa, tamén atendendo a outros públicos.

A gaita resístese á muller? 

Non o creo. Son desa xeración na que había moitas gaiteiras e gaiteiros, lembro ir aos concursos infantís cunha gran participación de rapazas. Foron mulleres as primeiras en crear unha banda de gaitas. Entendo que si existe igualdade, aínda que falte ese cachiño. 

Para cando un concerto de Budiño?

A mediados de maio comezarei a tocar o novo disco, o 14 estarei en Redondela e coa celebración das Letras Galegas inicio unha xira cunha nova banda, cun formato moi chulo, con xente moi nova que lle teño a pista seguida a través das redes sociais, que saben tocar, cantar e bailar moi ben. Vanse unir a este proxecto cheo de enerxía. Aínda non temos data en Vigo, agardo tocar aquí.

Te puede interesar