Gondomar presenta o seu Nadal cargado de actividades

O alcalde Francisco Ferreira e a concelleira de Cultura, Rocío Goberna, co cartel do Gondonadal.
photo_camera O alcalde Francisco Ferreira e a concelleira de Cultura, Rocío Goberna, co cartel do Gondonadal.

O acendido das luces para dar comezo ao ‘Gondonadal’ terá lugar mañá ás 19 horas na Praza do Concello

Gondomar presentou onte un programa de actividades pensadas para toda a familia. Dende o luns 3 de decembro, día do acendido das luces, e ata o 7 de xaneiro o Concello ten programadas máis dunha vintena de actividades que inclúen, entre outras, concertos, contacontos, a visita de Papá Noel, un campus multideporte, a Cabalgata de Reis ou o tradicional certame de Rondallas de Reis

Mañá, domingo, Gondomar acenderá o seu Nadal ás 19horas na praza do Concello, que servirá de pistoletazo de saída ao ‘Gondonadal’. O tradicional Belén Artesanal en Movemento, que este ano crece en numero de figuras, con máis de 200, será inaugurado o mércores 6 ás 18 horas no Centro Neural (edificio da Policía Local) coa presenza do bispo de Tui-Vigo e permanecerá aberto ata o día 7 de xaneiro.

O venres 8 será o turno da música tradicional galega co Festival de Nadal do grupo Tradisón, que se subirá ao escenario do Auditorio Lois Tobío a partir das 19 horas nun concerto que  estará cargado de sentimento, rememorando as cantigas pasadas. A entrada será libre ata completar aforo. Ao día seguinte, o sábado 9, e pensando nos máis pequenos da casa, Ángeles Goás levara os seus “Contos de Nadal” ao Auditorio Municipal Lois Tobío ás 18 horas. Para rematar a primeira semana de festas o domingo 10 será a música coral a que inunde o auditorio municipal, co xa tradicional Festival de Corais de Nadal de Gondomar. As corais de Vincios, Donas e Mañufe mostrarán todo o seu repertorio cargado de panxoliñas e cantos de nadal.

Papá Noel visitará Gondomar o sábado 16, domingo 17 e sábado 23 de 17 a 20 horas para que os nenos e nenas da vila poidan entregarlle as súas peticións en man. O mesmo ocorrerá cos Reis Magos o día 5 de xaneiro na praza Paradela tras a cabalgata. Dous días antes, para celebrar o novo ano, terá lugar a Festa Infantil de Nadal no Pavillón de Gondomar. 

Outra das actividades que xa é unha tradición na vila, o Mercado de Nadal, abrirá o sábado 16 na praza Paradela e repetirá o domingo 17.

Te puede interesar