A UVigo celebra dous actos en memoria da poeta viguesa

O acto contou coa presenza da nai de Xela e de compañeiras súas.
photo_camera O acto contou coa presenza da nai de Xela e de compañeiras súas.

A que un día foi tamén a súa universidade, a Universidade de Vigo, uniuse onte á homenaxe que se lle rende este ano no Día das Letras Galegas a Xela Arias. Familiares da escritora, autoridades, membros da comunidade universitaria e futuros mestres e mestras coma a escritora lucense déronse cita nun acto na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense no que, recollendo o gusto de Xela por achegar a poesía a outras artes, a través da palabra, da fotografía e da música se quixo render tributo a esta poeta, tradutora e mestra.

A homenaxe contou coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística. Nas súas palabras, o reitor da UVigo quixo destacar “a importancia da figura de Xela Arias para o desenvolvemento da nosa cultura”, unha figura que, afirmou, “axigántase, faise cada vez máis grande e nos vai permitir chegar con ese afán de modernidade a unha nova xeración de galegos e galegas que seguramente van sentirse moito máis cómodos e orgullosos da súa lingua, da súa cultura e de como somos os galegos e galegas”. Manuel Reigosa subliñou a relevancia de pór en valor o legado cultural e de traballar desde o eido universitario pola normalización lingüística, para rematar desexando “mil primaveras máis para a nosa lingua”. Igualmente, Monica Valderrama recalcou como Xela Arias foi “unha figura transgresora, adiantada ao seu tempo, que pola súa obra e imaxe é unha oportunidade para achegar a creación literaria a un público máis novo”.

Á mesma hora, na Facultade de Filoloxía do Cuvi, celebrouse o Certame Letras Galegas 2021. Foi unha celebración sentida e vivida dende o mundo da poesía. Concibida a modo de certame poético, o acto contou con diversos alumnos da facultade que se encargaron de poñer voz aos poemas de Xela. Elixiron tres textos: o poema ‘Acompáñame’, do libro “Tigres como cabalos”; ‘A unidade componse’, de “Intempériome” e un artigo sobre poesía publicado na prensa o 10 de maio de 1984.

Te puede interesar