UNIVERSIDAD

Piden apoio para divulgación científica en galego na UVigo

A sala de xuntas do edificio Ernestina Otero acolleu o debate.
photo_camera A sala de xuntas do edificio Ernestina Otero acolleu o debate.
Lamentan que na actualidade se fai por “voluntarismo” e penaliza a carreira investigadora
nnn En Galicia faise pouca divulgación científica e da pouca que se fai só unha pequena parte se realiza no idioma propio, o galego. Esta é a realidade que se está a pór sobre a mesa nunha serie de mesas redondas celebradas esta semana nos campus de Vigo e Pontevedra baixo o título “En galego! Investigación e divulgación científica”. A que se debe esta realidade? Como podemos cambiala? Estas foron as preguntas as que trataron de dar resposta onte catro investigadores da Universidade de Vigo de perfís distintos, con idades e intereses distintos  pero coa vocación común de facer divulgación científica e de facela en galego. Os catro o fan por puro voluntarismo e a costa, nalgúns casos, de ver penalizada a súa propia carreira investigadora.
Participaron nesta mesa de debate, celebrada onte na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero, a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro; o responsable do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas Neurolam, Manuel Ángel Pombal; o investigador do Centro de Investigación Mariña, Anxo Mena, e o director da Área de Normalización Lingüística, Fernando Ramallo, experto en Sociolingüística, que exerceu como moderador. Desde o seu punto de vista, pór en valor a divulgación científica sería suficiente para que se multiplicara o que se fai e, respecto a cales serían os mellores camiños para conseguir aumentar esta valoración, téñeno claro: recompensar ás persoas que xa están a facer esta labor ou que están dispostas a facelo ou, cando menos, non penalizalas. Isto afecta sobre todo aos investigadores máis novos, que ven como todas as horas que invisten en facer divulgación son horas que restan a outro tipo de labores, que son os que se teñen en conta, tanto a nivel autonómico como nacional, á hora de competir con outros candidatos para estabilizarse na carreira investigadora e que se refiren, sobre todo, aos artigos publicados “en inglés” en revistas internacionais.
Os debates, nos que participan 15 investigadores de distintos centros, están organizados pola Área de Normalización Lingüística en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación.n
 

Te puede interesar