Rodrigo Corrales: a ilusión do gardián

Rodrigo Corrales afronta os Xogos cunha mistura de entusiasmo e afán competitivo

Publicado: 05 jul 2021 - 03:09 Actualizado: 05 jul 2021 - 22:31
Corrales gozou duns días libres en Cangas antes de voltar á concentración da selección para preparar a cita. // Nacho Refojos
Corrales gozou duns días libres en Cangas antes de voltar á concentración da selección para preparar a cita. // Nacho Refojos

Coma un cativo no día de Reis. Esa é a cor que trasloce da voz de Rodrigo Corrales cando se lle fala dos Xogos Olímpicos. O seu lado de siareiro do deporte case supera ó de competidor nato ó falar de Toquio. Case. Porque o porteiro cangués mistura no seu discurso a tremenda ilusión que lle fai vivir por dentro a súa primeira cita olímpica coa responsabilidade de formar parte dun grupo que vén de gañar dous Campionatos de Europa consecutivos e de acadar hai uns meses un bronce mundial.

Non chega so con participar. E máis coa motivación extra de quedar fóra de Río 2016. A selección española está doente por quitarse esa espiña. Tamén Corrales. “Foi unha desilusión. Moi duro”, lembra un chisco amolado, antes de reivindicar como “se refixo o grupo" dende entón. O caso é que tanto o porteiro do Veszprem húngaro como todos os seus compañeiros traballan en Galicia para chegar na mellor forma posible á cita, cun dobre enfrontamento contra Portugal esta semana -o mércores na fronteiriza Caminha e o sábado en Vigo-. “Para iso estamos a traballar a reo”, di entre risas.

“Cando un deportista fala dos Xogos, nótaselle un entusiasmo e unha emoción especial. É o soño para todos porque é o evento máis grande. No meu caso, dende pequeno. Pero coido que tamén de moita xente”, expresa un Rodrigo ó que xa lle tarda viaxar a Xapón. “Vai ser moi especial estar na na vila cos mellores deportistas do mundo. É algo que me fai moitísima ilusión”, recoñece. O morracense tamén estaría encantado de desfilar na inauguración, pero que o torneo comece ó día seguinte e a disciplina do seleccionador complícao bastante. “Coñecendo a Jordi, non son moi optimista de que nos deixe. Non nos estamos a facer demasiadas ilusións”, apunta cun chisco de resignación.

Ese torneo olímpico non será doado. Nunca o é. O resto teñen, coma mínimo, tanta gana de gañar coma España. E no seu grupo están tres seleccións sobranceiras a nivel mundial coma Alemaña, Francia e Noruega -"son candidatas a todo", advirte-, ademais de dúas potencias emerxentes coma Arxentina e Brasil -"non se nos dan ben", precisa-. Catro dos seis avanzarán ós cuartos de final. “Temos que estar aí sexa como sexa”, destaca Corrales, que apunta a un detalle prexudicial: “No balonmán adoitase a competir con 16 xogadores, pero nos Xogos só se permiten 14. Ademais de ter unha das seleccións máis veteranas, somos dos que máis rotacións facemos. Esta particularidade xa nolo pon máis difícil". Pese a todo, o cangués non elude a responsabilidade: “Temos esperanzas de competir ben nos Xogos. Chegamos coa máxima ilusión por facer algo grande”.

Cando di “algo grande”, Corrales refírese ó máis grande. “O noso obxectivo é estar o máis arriba posible e se pode ser un ouro, xa palabras maiores”, di entre risas. Semella unha brincadeira para quitarse presión, pero calquera que teña visto á selección española de balonmán sabe do seu extraordinario nivel competitivo. Non hai nada imposible para os ‘Hispanos’. Ni para o cangués, que forma xunto a Gonzalo Pérez de Vargas a que probablemente é a mellor portería do mundo. “O simple feito de estar aló xa é moi especial”, apunta coa cara entusiasta do namorado do deporte. “Pero ter a posibilidade de acadar unha medalla sería algo incrible. É algo polo que imos loitar”, anuncia co lado da ferocidade competitiva. Con esa doble ilusión olímpica viaxa a Toquio o gardián de Cangas e os seus compañeiros.

“Estamos moi contentos de representar ó noso pobo"

O fenómeno cangués é algo digno de estudio. Non debe haber polo mundo adiante moitas localidades de 26.000 habitantes que podan mandar ós Xogos Olímpicos a catro deportistas. Rodrigo Corrales é un deles. O seu tocayo Rodrigo Germade e Teresa Portela, que chega á mareante cifra de seis, son os outros que irán seguro. Tamén Iván Villar , unha vez que o Comité Olímpico Internacional aceptou a petición de varias federacións, entre elas a Española, para que asistan os 22 convocados da prelista -entre eles o de Aldán- e non 18 como contemplaba a normativa. Deste xeito, o seleccionador non terá que facer descartes.

“Estamos moi contentos de representar ó noso pobo con tanta xente”, apunta o porteiro do Veszprem, co peito cheo de orgullo por ser de Cangas. “É que fala moi ben da cultura deportiva do noso pobo”, reivindica. “No meu caso é o balonmán, que é un referente porque levamos moitos anos na máxima categoría”, achega. “Iván Villar está no camiño de poder ir”, engade. “Pero que imos dicir do piragüismo? O noso pobo é unha referencia internacional. Xa dende Carlos Pérez e David Cal. E agora Teresa Portela, co récord dos seis xogos”, proclama antes de concluir: “Ímonos ver moitos veciños por Toquio”.

Contenido patrocinado

stats