Un novo espazo veciñal en Redondela entre as casas dos mestres

Digna Rivas e Pedro Villaverde na visita ao novo espazo.
photo_camera Digna Rivas e Pedro Villaverde na visita ao novo espazo.

O Concello renovou o espazo situado entre as avenidas Mendiño e Santa Mariña, un paso peonil moi transitado pola cidadanía

A zona coñecida como a explanada das casas dos mestres en Redondela, situada entre a Avenida Mendiño e a Avenida Santa Mariña (N-550), estrea nova imaxe. Este espazo, a carón do Conservatorio Municipal, acaba de ser acondicionado para crear unha nova praza pública. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que se trata dun enclave “moi transitado, xa que é empregado a diario por centos de escolares e as súas familias, que utilizan este paso peonil entre a avenida Mendiño e Santa Mariña no horario de entrada e saída dos colexios e institutos, así como polo alumando do conservatorio”.

O obxectivo da concellería de Urbanismo, que dirixe Antonio Cabaleiro, era dotar a este espazo dun novo firme e mellorar a drenaxe da auga da chuvia “para facilitar a mobilidade da cidadanía e facelo máis accesible”, explicou Cabaleiro. Na explanada, que ten unha superficie aproximada de 500 metros cadrados, colocouse nova tubaxe, reixas, e estendeuse unha soleira de formigón. A obra, con cargo ao Plan Concellos da Deputación, contou cun orzamento de 22.400 euros.

O Concello de Redondela, desde a concellería de Parques e Xardíns, completou a reforma coa instalación de mobiliario urbano con bancos e xardineiras “para facer deste novo espazo público un lugar amable e acolledor para a veciñanza, e non só un lugar de tránsito”, sinala Rivas. 

A alcaldesa, que visitou onte a obra rematada co concelleiro de Parques e Xardíns, Pedro Villaverde, anunciou que agora estudan poñer en marcha unha segunda fase nesta explanada de cara ao verán. Os técnicos do Concello xa están a estudar o proxecto para dotar a praza de novas instalacións de lecer para a rapazada.

Te puede interesar