Santiago celebrou o Día de Rosalía entre poemas e flores

Valentín Garcia, Román Rodríguez, Goretti Sanmartín, Alfonso Rueda, Anxo Angueira, Anxo Rei Arca e Sol Agra Tuñas na plaza de Vigo en Santiago.
photo_camera Valentín Garcia, Román Rodríguez, Goretti Sanmartín, Alfonso Rueda, Anxo Angueira, Anxo Rei Arca e Sol Agra Tuñas na plaza de Vigo en Santiago.
A praza de Vigo de Santiago acolleu os actos e lecturas principais no 187 aniversario da escritora

A Praza de Vigo de Santiago acolleu onte uno dos actos centrais de conmemoración polo Día de Rosalía 2024, no que se cumpren 187 anos desde o seu nacemento.

O acto contou coa participación do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca; o secretario xeral de Política Lingüística en funcións, Valentín García; ou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, entre outros.

Co recitado do poema “Quíxente tanto meniña” por parte de alumnado do CEIP Quiroga Palacios deu comezo este acto, que continuou coa ofrenda floral no monumento en homenaxe a Rosalía de Castro instalado na Praza de Vigo, preto de onde naceu.

A continuación, tomou a palabra Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, que puxo en valor que Rosalía de Castro representa a Galicia “no mundo”. “Rosalía é algo que nos move, porque o horizonte para o que ela camiñou é o horizonte para o que nós queremos seguir camiñando”, manifestou.

Unión e símbolo

Tamén interveu o presidente da asociación de veciños Raigame, Xosé Manuel Durán, que aproveitou para reivindicar ante as autoridades presentes “a necesidade de dignificar este lugar” e que “tamén sirva de orgullo”.

Pola súa banda, o alcalde de Padrón sinalou o legado dunha figura que “une” e que ten “un legado imprescindible”. “Desde a administración só podemos continuar colaborando para impulsar o seu coñecemento”, aseverou. Tamén a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, destacou a celebración do Día de Rosalía, unha muller “rebelde, transgresora, ecoloxista, feminista” e que “reivindicou a nosa lingua e cultura”.

Así mesmo, o titular do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, destacou que Rosalía de Castro foi “moito máis” que “unha magnífica poetisa”. “Foi un símbolo do feminismo, da igualdade, das letras galegas, da nosa cultura e da nosa identidade”, asegurou na súa intervención. 

O grupo “Carapaus” foi o encargado de pór o broche final a este acto interpretando a Alborada para Rosalía. Ao concluír, a formación musical iniciou uns pasarúas até o Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba ás 12,00 horas outro acto para conmemorar este día, con lectura de poemas e actuacións musicais de Faia e de alumnado da Escola de Música de Santiago. Durante esta xornada, Padrón tamén acolleu diversos actos para conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, cunha ofrenda floral, degustación de Caldo de Gloria e pasarúas.

Caldo de gloria

Durante esta xornada, máis de 400 locais de toda Galicia (hostaleiros, colexios, comedores de empresa, de residencias ou centros de día) -unha trintena deles en Santiago- sumáronse á iniciativa de cociñar “Caldo de Gloria”, que xurdiu do poema “Miña casiña, meu lar”.

Ademais, nesta sétima edición, volve despois da pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man de Suso do Dezaseis e a cantante Uxía, ambos ofreceron a súa versión do Caldo.

Do mesmo xeito, este ano volveuse a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, do mesmo xeito que se fixo en 2013 e nos últimos catro anos.

Tamén se sumou ás celebracións desta efeméride a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que propón un ano máis á cidadanía regalar un libro en galego e unha flor os seres queridos. 

Nesta edición de 2024, Carlos Callón é a persoa encargada da redacción do manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía.

Te puede interesar